Helena Villar Janeiro, «Amor por catro»

Ter nas mans un libro de Helena Villar Janeiro xa é un luxo de por si. Máis de catro décadas de dedicación á escrita téñense que notar nun xeito de escribir diferente, pleno, desenfadado; téñense que notar nun oficio que se leva por dentro e que agroma en cada páxina. E máis aínda cando a autora, amais de recoñecida narradora, é unha brillante poeta, con todo o que iso implica respecto do estilo e do xeito de contar. E nese sentido, este libro non defrauda.

Dirixido ao público xuvenil, “Amor por catro” é unha recompilación de relatos que teñen en común a temática do primeiro amor, ese que só se vive unha vez na vida pero que deixa a máis fonda pegada no noso ánimo. Son só catro relatos, moi diferentes entre si en canto a situacións e en canto a espazo xeográfico (de Marraketch ao Camiño de Santiago), que son outras tantas vivencias protagonizadas por rapaces e rapazas que descobren un sentimento ao que non estaban afeitos e que se deixan arrastrar por tal circunstancia.

Non se trata dun libro condescendente, nin de dar unicamente a visión máis positivista e idealizada desa entrada no mundo da paixón, pois a autora non pon barreiras a explorar tamén os conflitos que pode chegar a provocar unha situación así: a imposibilidade da relación por motivos alleos aos rapaces, a non correspondencia por parte do ser amado, o dano que pode chegar a suscitar un sentir nacente de tanta forza como arrastra, son algúns dos temas presentes neste compendio. Ao seu carón, a complicidade, a idealización, o conflicto, a perda, o encontro... e outras moitas das facianas coas que se presenta o amor en tales idades.

Iso en canto ao fondo dos relatos. En canto á forma, destacaría o cuidado no emprego da palabra. Na redacción destas historias tamén agroma, como xa queda dito, a Helena Villar Janeiro poeta en tanto que, sen adobíos excesivos, é quen de atopar a precisión dun verbo ou dun adxectivo para, sen rodeos, amosar o que quere amosar. Unha escrita concentrada, pero gorentosa de abondo como para seguir as intrigas destes rapaces que despertan ao amor.

E como tantas outras veces, non vos deixedes enganar pola etiqueta de “literatura xuvenil”. A boa literatura, a Literatura con maiúscula, non entende de idades nin de credos e é quen de conseguir que o lector se axeite sen que se sinta incómodo ou fóra de sitio, e de facelo disfrutar dun bo libro. “Amor por catro” é un claro exemplo.

amor por catroHelena Villar Janeiro
Amor por catro

 

Editorial: Galaxia
137 páxinas