Abel Tomé, «A noite do corvo»

Se non fose unha ousadía identificar con etiquetas musicais os estilos literarios, case podería afirmar que estamos diante dunha novela de blues neogótico. Si, é unha terminoloxía un tanto confusa, pero que pode axudar a delimitar e encadrar con certo tino a proposta coa que Abel Tomé se nos presenta na súa primeira aventura como narrador á fronte da novela de intriga “A noite do corvo”.

O relato nace da investigación dun asasinato múltiple e está narrado en primeira persoa polo seu protagonista, o inspector Gonçalves. Trátase dun personaxe bastante peculiar, que responde en moitos aspectos ao prototipo de investigador cínico e que está de volta de todo (velaí a afección ao jazz clásico, ao tabaco ou aos licores de alta gradación, mesmo a ceibar o gatillo), pero que atopamos adobiado con elementos característicos que o dotan de personalidade propia. Elementos que van dende un pasado tormentoso ata unha importante dose de tenrura, que mesmo contrastan con certos comportamentos paranoides. Dous policías que colaboran na investigación, a pesar do seu papel secundario, fan de perfecto contrapunto do protagonista.

A novela podería pasar por unha homenaxe aos clásicos da intriga policial, máis hai unha atmósfera ao longo do relato que o sitúa máis cerca das historias de terror decimonónicas, mistura que non deixa de aportar aire fresco á trama. Un dos, ao meu entender, grandes acertos de “A noite do corvo”, é o escenario no que se desenvolve e principal instigador desa atmósfera: a illa de Gothard, un lugar aillado, que sobrevive no tempo sobre costumes de corte feudal baixo o dominio dun par de familias que veñen rexindo o seu destino dende tempos inmemoriais.

O traballo de Abel Tomé respecto da creación deste escenario é profundo e atinado, chegando incluso a recrear unha mitoloxía propia e certos usos que hoxe semellan arcaicos pero que axudan a manter a estrutura caciquil que a domina. Gothard é un lugar senlleiro no que as autoridades permiten certas cousas ao amparo da tradición, que están vedadas ao resto de poboacións. Sería doado buscar paralelismos entre esta Gothard imaxinaria (e outros lugares mencionados, como Beth e Galataz) e situacións contemporáneas, pero non creo que esa fose a intención do autor. Máis ben semella que lle servisen como fontes de inspiración.

A historia que relata o inspector Gonçalves é das que enganchan, e por diversas razóns. En primeiro lugar, como queda dito, pola atmósfera que consegue na recreación dese lugar imaxinario, presente ao longo da totalidade do relato. En segundo lugar pola dosificación de información, que leva ao lector a adentrarse na historia na procura da solución do caso, chegando a competir co propio inspector. E en terceiro lugar, e aquí vexo outro dos grandes acertos da novela, pola linguaxe empregada. Gonçalves é, como queda dito, un cínico de volta de todo. E é dende a atalaia do seu cinismo dende a que relata a historia cunha linguaxe directa e sen mesura nin censura. Frases curtas, reiteración de ideas e de conceptos, apreciacións subxectivas e outros recursos que, amais de espir para nós a personalidade do protagonista (e narrador), conseguen inducir unha lectura fácil e absorvente.

a noite do corvoAbel Tomé
A noite do corvo

 

Editorial: Galaxia
204 páxinas