Arantza Portabales, «Beleza vermella»

Arantza Portabales regresa á narrativa logo do éxito de «Deixe a súa mensaxe despois do sinal», e volve cunha novela de xénero negro na propón un xogo relacionado coa concepción da arte como pano de fondo da historia. E digo isto porque a trama desenvólvese neste escenario que, dalgún xeito, pode levarnos a reflexionar sobre o asasinato como forma de arte. Mais iso, sendo relevante, non é o esencial da narración.

Comecemos por situarnos. O relato parte do asasinato dunha nena, Xiana Alén, durante unha xuntanza familiar, nunha urbanización de élite compostelá á que resulta dificultoso acceder. Temos, polo tanto, seis sospeitosos, todos eles achegados á nena, con distintas motivacións e oportunidade de cometer o crime. Mais o que realmente sorprende é a súa coidada escenificación, pois a rapaza aparece morta na súa habitación, rodeada dunha cantidade esaxerada de sangue, vestida de branco, e nunha disposición que fai lembrar unha vella obra da súa avoa, referente da vangarda artística do seu tempo e aínda da actualidade. E aí é onde entran en escena Santi Abad e Ana Barroso, a parella de detectives encargada de resolver o misterio que rodea esta morte.

Movémonos, polo tanto, nun entorno intelectual e elitista, de transgresión artística, que nos acompañará ao longo de toda a novela dándolle forma a ese pano de fondo do que falabamos antes. Pero, ao meu entender, o máis interesante deste relato son as relacións persoais que se establecen entre os distintos personaxes, tal é o verdadeiro alicerce da narración. Relacións de amizade, profesionais ou de parentesco, mesmo máis íntimas, que vemos inzadas de altibaixos e de elementos de distorsión da linealidade habitual. Isto dá como resultado personaxes terriblemente humanizados, sen idealización de ningún tipo, coas súas virtudes e os seus defectos: celosos, envexosos, agarimosos, doces, infieis, persuasivos, mandóns, indiferentes... Poñede vós outros adxectivos que, de seguro, atoparédelos no relato.

Baixo esta premisa, e a pesar de manterse dentro da categorización de xénero negro, «Beleza vemella» transcende esta calificación e abarca moito máis, algo que pasa polo estudo de nós mesmos, da nosa psique e dos nosos comportamentos e interrelacións. Pero non por iso deixa fóra os elementos tradicionais da novela negra ao estilo máis clásico, ese que nos leva a sospeitar de todos na procura da motivación do asasino e que fai que o lector se integre na trama tentando resolver o misterio. Mesmo se permite argallar esa reunión final dos sospeitosos e mailos detectives, tan característica de Agatha Christie e de outros autores, para desenlear toda a trama e servirnos en bandexa ao verdadeiro culpable.

beleza vermellaArantza Portabales
Beleza vermella

 

Editorial: Galaxia
429 páxinas