Ramón Vilar Landeira, «Un peixe no parqué»

«Un peixe no parque» é unha novela que semella non querer chegar a tal categoría, coma se se conformase con non pasar de ser un libro de relatos con algunhas conexións entre si. Sei que tal descripción pode parecer un pouco absurda, pero o certo é que entronca perfectamente coa forma e o fondo deste texto, malia que para entendelo quizais sexa convinte afondar un pouco máis nas súas páxinas.

Nun tempo coma o actual, onde os límites entre xéneros se desdebuxan a cotío, unha proposta coma esta atopa fácil acomodo a pesar de que non resulte doada a súa catalogación. O que temos entre mans é unha serie de relatos breves (algo menos dunha vintena en apenas cen páxinas) que presentan algúns elementos en común. Son relatos enfiados entre si a través de personaxes, escenarios ou situacións, o que aporta unha dose extra de coherencia á narración, e iso xa nos aproxima un pouco máis á novela tradicional. Se temos en conta que, dun xeito ou doutro, en case todos aparece unha especie de baleiro existencial que arroupa aos protagonistas ata facelos desaparecer nas enrugas da actualidade, coido que estamos diante dunha proposta narrativa, cando menos, arriscada.

A pesar do dito, os relatos que a integran non aparentan manter unha continuidade clara entre si. É certo que se repiten personaxes e escenarios –un centro comercial ou un McDonalds–, situacións que enfían uns relatos cos outros, ou referencias a tramas que se desenvolven noutro punto. Pero máis ben semellan estampas esparexidas ao chou da vida cotiá dunha parella con dous fillos e algúns dos amigos que forman parte do seu entorno. Tal aleatoriedade é só aparente, pois segundo imos avanzando na lectura decatámonos de que si existe un lene fío argumental que atravesa todo o libro e que teima en manter esa estrutura argumental que acostumamos a pedirlle a unha novela. E ese fío non é outro que unha ollada que case me atrevería a cualifiar de melancólica sobre unha realidade que, como dixemos máis arriba, redunda nese baleiro existencial e que provoca a sensación de orfandade das personaxes, unha especie de bonecas rotas, cos seus soños e as súas ansias esfareladas por unha monotonía que redunda no desencanto. Infelicidade e conformismo. Coma unha novela que se conforma con ser un monllo de relatos. ¿A que agora ten algo máis de sentido a afirmación inicial?

Non, non pensedes que é un libro pesimista. Case diría que é todo o contrario. O autor ten un xeito de escribir moi lixeiro (pero moi traballado, iso nótase ao longo de todo o texto) e, sobre todo, moi retranqueiro, o que lle dá o punto de equilibrio perfecto a un libro destas características. Fala de cuestións relevantes nas que non afonda demasiado, que deixa sobre a mesa, sen máis; pero faino sen dramatismos e dunha maneira tan desenfadada que consegue doadamente a complicidade co lector. E unha vez acadada esa meta e depositada a semente, fica nas nosas mans a reflexión sobre cada un deses temas; coma se fosen cargas de explosión controlada, pero retardada...

un peixe no parquéRamón Vilar Landeira
Un peixe no parqué

 

Editorial: Xerais
104 páxinas