O meu andel

Iolanda Zúñiga, «Natura»

Iolanda Zúñiga tennos acostumados a unha literatura moi persoal, cun punto de transgresión, un aquel de denuncia máis ou menos evidente, e moito de visceral. A súa última proposta responde aos mesmos criterios; trátase dunha novela que nos traslada a unha paisaxe apocalíptica para desembocar en distopía a través da odisea persoal da súa protagonista, unha muller que en ningún momento aparece identificada cun nome, coma o resto de personaxes do relato.

Inma López Silva, «Chámame señora, pero trátame coma a un señor»

Inma López Silva vén de inaugurar unha nova colección posta en marcha pola editorial Galaxia e denominada «Feminismos», na que se pretende dar cabida a ensaios e reflexións sobre a cuestión de xénero co obxectivo de aportar o seu gran de area á igualdade. Tres foron os títulos presentados de maneira simultánea para capitanear esta colección: «Am@me», de Chis Oliveira e Amada Traba; «Feminicidio», de Carme Adán; e o que hoxe traemos a este andel, «Chámame señora, pero trátame coma a un señor», de Inma López Silva que, a xeito de subtítulo, presenta unha frase bastante explicativa respecto do seu contido: «Memoria persoal do machismo na cultura».

Anna R. Figueiredo «Os bicos feridos»

«Os bicos feridos» é a primeira novela de Anna Figueirido e vén avalada polo recén creado 'Premio Viaductos', o que di moito e bo en favor da autora e tamén do premio. Trátase dunha historia moi apegada ao noso tempo e lixeiramente emparentada co realismo máxico por algúns dos elementos que aparecen nela, aínda que eu diría que se achega máis ao simbolismo puro e duro, dende unha perspectiva na que se nos amosa o desencanto que provoca na mocidade enfrontarse a un mundo que pouco ou nada se asemella ao que lle pintaron dende a infancia.

Dúas propostas para nenos

Xa case é unha tradición que arredor destas datas adiquemos este peculiar andel aos máis pequenos da casa ou, se preferides velo así, aos Reis Magos, por se lles serve de inspiración para deixar agasallos relacionados coas nosas letras. Nesta ocasión traemos dous traballos: unha obra de teatro de Raquel Castro e unha novela de Miguel Ángel Alonso Diz, reiterando outra vez que a cualificación destes traballos como “literatura infantil e xuvenil” nunca debe ser excluínte. Estou seguro que moitos nenos adultos tamén disfrutarán con tales obras.

Eli Ríos, «DX»

Logo dunha novela tan realista e tan dura coma “Luns”, Eli Ríos regresa ao eido da narrativa cunha nova aposta radicalmente diferente coa que nos traslada a un futurible próximo e nos relata unha historia que camiña entre o terror e a ciencia ficción (moi na onda do catálogo habitual de Urco), cun enfoque e unha estrutura que nos fai pensar que está dirixida ao público xuvenil.

A. Rei Ballesteros, «Dezanove Badaladas»

Ter nas mans unha novidade de Rei Ballesteros é unha noticia ben grata, máis aínda cando falamos dunha obra primeiriza e inédita ata o de agora, descuberta entre os seus papeis pouco despois do seu prematuro pasamento. Trátase dunha novela que está datada entre novembro de 1969 e febreiro de 1970; o autor contaba, xa que logo, con só 17 anos polo que, a falla doutros datos que o contradigan, podemos considerala como a súa primeira incursión no mundo da narrativa en galego.

Suscribirse a este canal RSS