Logo
Imprimir esta página

O Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia

O Consello da Xunta do 26 de xaneiro aprobou a posta en marcha do Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia. Por primeira vez, créase un órgano de asesoramento na Comunidade sobre o estado ambiental, económico, social e cultural dos ríos e converterase na ferramenta para obter dun modo transversal e interdisciplinar información periódica e pormenorizada sobre o estado dos ríos galegos.

O Observatorio nace coa idea de contar cunha ampla e equilibrada participación, polo que a súa composición estará conformada por institucións e sectores implicados na conservación e xestión dos ecosistemas fluviais.
A Comunidade galega conta co primeiro Observatorio dos Ríos para poñer en valor o patrimonio natural-ambiental dos case 500 ríos de Galicia. Os ríos galegos son unha rede que suma 32.000 quilómetros de ríos, polo que a creación deste observatorio responde á necesidade de recoñecemento e protección do enorme valor patrimonial, tanto social como ambiental desta riqueza hidrográfica, así como a importancia que teñen na conservación da flora e da fauna que dependen deles.
O observatorio concíbese como un órgano colexiado ao cal, de acordo co principio de colaboración institucional, corresponde o asesoramento sobre o estado ambiental, económico-social e cultural dos ríos da Comunidade Autónoma de Galicia, a elaboración de informes e estudos, e a diagnose e proposta de medidas que axuden a definir as distintas políticas autonómicas de posta en valor dos ecosistemas fluviais de Galicia.
Coa posta en marcha desta ferramenta abórdase este feito dun modo transversal e interdisciplinar para poder obter información periódica e pormenorizada sobre o estado dos ríos galegos, polo que unha das súas funcións será actuar como órgano de asesoramento, análise e difusión de información periódica relativa á situación dos ríos galegos.
Tamén deberá recoller e analizar información sobre as medidas e actuacións postas en marcha desde as diferentes instancias, públicas e privadas; promover e elaborar plans directores para os ríos galegos, nos cales se recollan as políticas autonómicas respecto á promoción e valorización dos ríos como elementos destacados do patrimonio natural, económico e social galego.
Dentro das súas funcións, tamén destaca a de difundir a importancia dos ríos e os seus contornos naturais e promover boas prácticas na interacción da cidadanía cara a eles, así como promover a colaboración entre todas as institucións implicadas, encamiñada á posta en valor dos ríos galegos.
Outra das finalidades coas que nace é a de actuar como foro de encontró interdisciplinar entre organismos públicos e as sociedades civís e do coñecemento e, por último, elaborará informes periódicos sobre o grao de cumprimento e efectividade
das medidas adoptadas para a posta en valor dos ríos galegos.
Para acadar este reto é imprescindible impulsar a participación, tanto do colectivo de pescadores -cada vez máis exixente e implicado coa conservación e preservación do medio natural- como da sociedade en xeral, co fin de priorizar e establecer unas directrices de xestión que permitan delimitar un marco que garanta un aproveitamento sustentable e a posta en valor destes espazos naturais, co fin de poder atender as cada vez máis presentes demandas sociais a favor da conservación da biodiversidade.
O Observatorio dos Ríos estará formado por unha presidencia, unha vicepresidencia, unha secretaría e un total de 32 vogais e haberá representación das consellerías de Economía, Cultura, Política Social, Medio Rural, Mar e a Axencia Galega de Turismo, por parte da Administración autonómica. Haberá tamén representantes dos organismos das bacías competentes no territorio galego, como Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño Sil, Confederación Hidrográfica do Douro e Confederación Hidrográfica do Cantábrico; así como representantes das tres universidades galegas, das asociacións ecoloxistas que teñan entre os seus fins estatutarios a defensa dos ecosistemas fluviais, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Federación Galega de Pesca.
Xunta de Galicia


35 membros directivos pero a comunidade científica e a pesca social non teñen representantes
Como galegos que somos comprendemos o sentido do refrán “ao mellor leñador tamén se lle escapa a machada” pero isto foxe da comprensión lóxica dun simple desliz e non se pode xustificar o erro histórico que a Xunta acaba de cometer na composición do Observatorio.

Que a Xunta descoñeza ou obvie a AGAIA mete arrepíos.

AGAIA é a Asociación Galega de Investigadores da Auga, un organismo que está formado por científicos e investigadores de todos os campos, dende as humanidades ata médicos hidrólogos, físicos, químicos, biólogos, etc.
Compre subliñar que AGAIA leva adiante proxectos da UE en Galicia e que un 80% do publicado sobre estudos de ríos de Galicia está escrito polos seus membros.

¿Cómo é posible que nos 35 integrantes do Observatorio non haxa representación de AGAIA?

Tampouco ten explicación e non se pode tolerar que ninguén de todas as partes implicadas se decatase do imperdonable erro e que non levantase as oportunas alarmas para que se subsanase a omisión.
Isto demostra una vez máis o “postureo oficial colectivo” de cara á foto e o inmenso e lamentable descoñecemento que a Administración e os seus palmeiros teñen da auga en Galicia.

Pero é que hai outro esquecemento de igual gravidade. Segundo a comunicación da Xunta “é imprescindible impulsar a participación do colectivo de pescadores, cada vez máis exixente e implicado coa conservación e preservación do medio natural”.

¿Fomenta a Xunta a participación dos pescadores galegos coa simple participación da Federación Galega de Pesca?

Lamentablemente a Xunta non debe saber que a Federación Galega de Pesca só ten uns dous mil e pico socios e que en Galicia hai unhas 70.000 licencias de pesca. Ter dous mil socios (só pescadores de competición) non faculta á Federación Galega de Pesca para representar aos 70.000 pescadores sociais que teñen licencia en Galicia e de feito a composición deste Observatorio xa levantou numerosas críticas nas redes pois a inmensa mayoría dos pescadores galegos non se sinten defendidos nin moito menos representados pola federación.

Outro dato máis a ter en conta. Dos socios da federación, a maior parte son pescadores de mar. É dicir, que a FGP vai representar a todo o colectivo cando malamente se representan a sí mesmos.

Di a nota de prensa da Xunta que un dos cometidos do observatorio será “a elaboración de informes e estudos, e a diagnose (...)”, sacando aos representantes da Universidade, ¿cales dos integrantes do Observatorio están capacitados científicamente para elaborar informes relativos aos ríos galegos?

A non ser que fagan como o estudo ¿científico? sobre o cormorán que lle encargaron á Federación Galega de Pesca, con 15.000 eurazos de motivación. Estamos desexosos de coñecer o estudo...

Para completar o esperpento, a Xunta podería nomear vogais do Observatorio a unha hidroeléctrica, a un furtivo e a un cormorán.

Miguel Piñeiro

Escritor, periodista y editor

miguelpesca.com

© 2015 Comarcasnarede.es Todos los derechos reservados