Areeiro insta a tratar os danos nos gromos das viñas causados polo vento

Foto: ©Estación Fitopatolóxica do Areeiro / Deputación de Pontevedra (http://www.efa-dip.org/) Foto: ©Estación Fitopatolóxica do Areeiro / Deputación de Pontevedra (http://www.efa-dip.org/)

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de aconsellar tratar canto antes os danos nas viñas causados polos ventos moderados dos últimos días. Así mesmo, unha vez xa detectadas as primeiras manchas de Mildeu e aínda que as condicións climatolóxicas non son propicias á súa expansión, revisar a eficacia dos tratamentos aplicados e a vixiar exhaustivamente as fincas.

O persoal técnico subliña que os ventos moderados que se rexistraron, así como a sarabia que houbo en algunhas localidades da provincia provocaron a rotura de gromos e follas nalgunhas fincas, o que leva a aconsellar que onde haxa unha presenza abundante de danos se apliquen funxicidas que leven folpet ou similar.

Por outra banda, en relación ao Mildeu advírtese de que nas fincas que xa recibiron tratamento estes días é preciso comprobar a eficacia da intervención, sobre todo considerando que algunhas das aplicacións se fixeron en condicións de vento non recomendables para tratar e dispersaron o funxicida cara áreas fora do viñedo. De feito, explican que a parcela de O Rosal onde se atopou unha mancha o día 2 xa fora tratada.

En parcelas onde aínda non se detectaron síntomas da enfermidade, é necesario facer revisións para detectar a primeira mancha, facendo especial fincapé nas zonas menos aireadas e nas follas máis baixas das varas, tendo en conta que nestes momentos na viña hai algunhas decoloracións que non son manchas de Mildeu. “Co nivel de risco esperado polas condicións meteorolóxicas previstas, agardar a detectar os síntomas é a mellor das opcións, sobre todo se a humidade relativa se mantén en niveis baixos de noite e non se produce esporulación”, explica a técnica Pérez Otero.

Fronte a outras patoloxías da viña como o Oídio aínda non é preciso empezar as intervencións con xofre, mais se non se fixo aínda, este é un bo momento para instalar as trampas de feromonas sexuais das couzas do acio e dos cicadélidos. “En todo caso lembren que, aínda que teñan capturas nas trampas -de feito xa as hai-, a primeira xeración non soe causar danos que xustifiquen un tratamento, e que en xeral as capturas nas trampas se utilizan para saber cando tratar, pero no para decidir se hai que facelo ou non”. Finalmente, só se ven illadamente síntomas de erinose, pero de momento o seu índice de aparición é moi inferior ao da anterior campaña. De acariose, que ás veces require tratamentos, non se detectou presenza.