Logo
Imprimir esta página

Areeiro acredita o bo ritmo de desenvolvemento das viñas da provincia

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de acreditar no seu último aviso fitosanitario o bo ritmo de desenvolvemento das viñas da provincia tras o tempo estable e soleado dos últimos días. Nas zonas máis cálidas, de feito, o persoal técnico xa detectou floración nos gromos dalgúns patróns e viñas ‘bravas’ e, se o tempo nos próximos días permanece soleado e as temperaturas son altas, sinalan que pronto se iniciará tamén en albariño e outras variedades.

En canto aos patóxenos, dende Areeiro sinalan que a pesares das choivas da pasada fin de semana, o tempo seco e cálido que houbo despois levou a que o estado das viñas sexa “bo ou moi bo” en relación ás infeccións de Mildio. Coas previsións metereolóxicas existentes non se agarda un avance da sintomatoloxía, polo que a recomendación da Estación é revisar os viñedos nos que haxa síntomas antigos ou incipientes, sobre todo daqueles nos que xa concluíu o período de protección do tratamento anterior, daqueles situados onde chovera, e dos que se sexa consciente de que o tratamento anterior fora aplicado en condicións de vento.

Con respecto a outras patoloxías das viñas, apenas avanzou o síntoma detectado de Oídio a semana anterior na variedade tinta sensible, mentres que en albariño aínda non hai indicios do fungo; continúan sen se observar signos de actividade das couzas pese a que hai capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas das parcelas de seguimento; segue a ser moi reducido o número de adultos de cicadélidos (e ningún de Empoasca vitis) recollido nas trampas; e seguen sen observar síntomas do ácaro da acariose.

Alteracións da madeira
Por outra parte, empezan a ser notorios algúns síntomas de alteracións da madeira en plantas dalgunhas parcelas onde xa se detectaran na campaña anterior e que non foran podadas. Se o síntoma se limita a algún brazo, pode eliminarse mellor despois da floración e en tempo seco, desinfectando moi ben a tesoira e aplicando un funxicida sobre o corte. Se non é así, hai que ir marcando estas cepas para telas identificadas no momento da poda invernal.

Tamén se observou o primeiro síntoma de Black Rot nunha única folla dunha parcela de seguimento de O Condado onde tradicionalmente hai presenza da enfermidade, aínda que con escasa incidencia.

Outros cultivos
No relativo a outros cultivos, dende a EFA destacan que nas plantas de pataca que xa teñen certo desenvolvemento estanse a observar os primeiros adultos e postas de escaravello, polo que se aconsella iniciar os tratamentos insecticidas para evitar que se estenda a praga se non o fixo aínda e as patacas xa teñen unha boa masa verde.

En canto ás maceiras, obsérvanse de xeito máis ou menos puntual colonias de pulgón verde que, nalgúns casos, xa empezan a producir enrolados de follas. Non se detectaron novos signos de moteado, nin de oídio nin da couza da mazá, se ben é necesario manter a vixilancia.

No caso das pereiras, os Janus compressus xa desenvolveron os seus ataques e algunhas árbores están amosando xa os gromos afectados completamente secos. Normalmente este é un insecto que non require tratamento a menos que as plantas sexan moi novas ou en viveiro. Se se desexa pódense cortar eses gromos secos.

Tamén é salientable que está a facer a súa aparición o díptero Drosophila suzukii, que é unha praga que está presente en Galicia desde 2013 e que pode afectar a froitos non só de cerdeira senón tamén a outras especies de óso como kiwi, figueira, caqui, viña, amorodo, ou pequenos froitos. As súas femias poñen varios ovos na froita e as larvas que nacen deles devoran a polpa, co que o froito se deprecia para o consumo ou cae prematuramente. É conveniente, segundo a EFA, a instalación de trampas, que neste caso pódense construír dun xeito caseiro facendo uns catro buratos pequenos nunha botella plástica que conterá no fondo vinagre de sidra.

Buxo
Nas sebes e plantas illadas de buxo non defoliadas completamente polas eirugas e que non reciben tratamentos xa é posible ver un número elevado de gromos novos sen síntomas, polo que dende Areeiro estímase que xa rematou ou está a rematar o primeiro período de risco. Hai que ter en conta que cando pase o período de crisálidas nacerán os adultos da primeira xeración do ano.

Nota: Os medios que precisen máis información ou imaxes dos patóxenos poden utilizar, citando a súa procedencia, os documentos e gráficos existentes na páxina web da EFA (http://www.efa-dip.org/es/servicios/Info_Fitosanitaria/Avisos/ultimo.HTM). As radios e tv poden contactar coa técnica Rosa Pérez Otero para tomar audios e vídeos do presente aviso fitopatolóxico.

© 2015 Comarcasnarede.es Todos los derechos reservados