Carmela Silva anuncia a ampliación das «DEPOrte Escolas» a maiores de 15 anos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada de Deportes, Chelo Besada, asistiu onte no Pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe ás quendas de mañá e de tarde coas que a institución provincial clausurou as «DEPOrte Escolas» de patinaxe do curso 2017-2018. As dúas quendas reuniron a preto de 900 nenos e nenas que participaron nas 34 escolas deportivas desta modalidade que a Deputación de Pontevedra impulsou ao longo deste curso en un gran número de concellos da provincia de Pontevedra.

As nenas e nenos que participaron na clausura chegaron desde Ribadumia, Tui, Lalín, Forcarei, Soutelo de Montes, Campo Lameiro, Vigo, Pontevedra, Poio, Crecente, Vilagarcía, Vilanova, Vila de Cruces, As Neves, Tomiño, Soutomaior, Moraña, O Rosal, Baiona, Gondomar, Valga, Catoira, A Guarda e Arbo.

Durante o acto, a Presidenta Carmela Silva anunciou unha importante novidade das «DEPOrte Escolas» de cara ao vindeiro curso, xa que “sei que moitas nais e pais se preguntan que poden facer coas súas rapazas e rapaces cando fan os 15 anos e rematan as DEPOrte Escolas”. Deste xeito, sinalou a Presidenta provincial, “imos falar con todos os concellos da provincia para que poidamos estender as escolas deportivas da Deputación de Pontevedra máis alá dos 15 anos, porque isto non pode rematar”. Na actualidade, as «DEPOrte Escolas» estaban dirixidas para rapazada de entre 5 e 15 anos.

Carmela Silva asegurou que “temos todas e todos o dereito a facer deporte en igualdade” e felicitou, en primeiro lugar, “a todas estas estrelas, rapazas e rapaces, que hoxe brillan con luz propia”. Tamén agradeceu aos coordinadores, “que son extraordinarios”, lembrando que entre eles se atopa Alberto Covelo, “medalla de ouro de Europa e polo tanto unha referencia no mundo da patinaxe, non poderíamos ter mellores persoas representando este mundo nas nosas DEPOrte Escolas”. Ademais, a Presidenta provincial fixo un recoñecemento “ás nais, pais, avoas e avós que fan que cada día as súas fillas e fillos, netas e netos poidan achegarse aos seus pavillóns de deportes para poder practicar patinaxe, isto amosa que vivimos na mellor provincia do mundo e que todas e todos vós sodes as mellores persoas que alguén podería desexar”.

Este ano foron máis de 10.000 nenas e nenos quen participaron nas «DEPOrte Escolas» da Deputación de Pontevedra de nove modalidades: balonmán, fútbol, taekwondo, patinaxe, judo, rugby, marcha, piragüismo e baloncesto. Totalmente de balde, as actividades están dirixidas a promover a actividade física e deportiva entre as rapazas e rapaces en idade escolar e, ademais, a institución provincial permitiu crear «DEPOrte Escolas» de modalidades distintas ás ofertadas co único requisito de reunir un mínimo de 15 rapazas e rapaces. En total, 50 concellos da provincia acolleron «DEPOrte Escolas» este curso: A Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño, Tui, Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Moraña, Pontecesures, Valga, As Neves, Mondariz, Ponteareas, Agolada, Lalín, Rodeiro, Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Arbo, Crecente, A Cañiza, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Vilaboa, Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Forcarei, Baiona, Fornelo de Montes, Godomar, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Soutomaior e Vigo.