A escola, un dos puntais do «Plan Revitaliza» de compostaxe

De esquerda a dereita, César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Carmela Silva, presidenta da Deputación e Carlos Vales, director do Ceida De esquerda a dereita, César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Carmela Silva, presidenta da Deputación e Carlos Vales, director do Ceida

A escola, nenos e nenas e xente moza son un dos puntais do «Plan Revitaliza» de compostaxe da Deputación de Pontevedra. Así o manifestaron hoxe a presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera na inauguración do II Congreso de Educación Ambiental sobre compostaxe para centros de ensino de Pontevedra que se celebrou esta mañá no Pazo da Cultura de Pontevedra e que reúne a máis de 350 escolares de Cambados, Vilaboa, Sanxenxo, Silleda, Pontevedra, Caldas e Gondomar. 

O impulsor do «Plan Revitaliza», César Mosquera, comezou a xornada ─na que tamén estiveron o director do Ceida, Carlos Vales, e o alcalde de Pontevedra, Anxo Fernández Lores─ asegurando que “para nós, os gobernantes da Deputación, é unha verdadeira satisfacción poder celebrar este congreso, e o traballo e actividades que hai detrás del”. Lembrou que foron máis de 10.500 nenos e nenas os que traballaron sobre o «Plan Revitaliza» con obradoiros e charlas grazas ao Centro de Educación e Investigación Ambiental de Galicia (Ceida) e subliñou que a difusión da compostaxe entre escolares “é un dos feitos máis relevantes deste plan, que ten moitas patas e moitos ámbitos, pero este é un dos máis importantes porque supón actuar nas escolas, para o futuro e para o presente, xa que vós sodes presente”.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, pola súa banda, agradeceu a presenza do alumnado e profesorado dos centros educativos pola súa participación no congreso e compromiso coa compostaxe e subliñou que “falamos de centros situados en diferentes lugares da provincia, desde a costa ata o interior, unha provincia que todas e todos temos a obriga de coidar”.

Carmela Silva destacou tamén a necesidade de comprometerse co Medio Ambiente, sobre todo desde os centros educativos: “Os centros educativos teñen que formar no respecto ao Medio Ambiente e no tratamento de residuos, que cada día xeramos máis o que afecta moi negativamente ao planeta”. Por estes motivos, a presidenta da Deputación agradeceu a implicación das mestras e dos mestres dos colexios presentes no congreso “o voso traballo, dedicación e compromiso son fundamentais para crear mentes críticas cunha forma non adecuada de tratar os residuos”.

congreso compostaxe ensino 01

A presidenta provincial tamén amosou a súa satisfacción pola implicación do alumnado nos proxectos: “Pasado mañá vós ides ter que dirixir o mundo e precisamos mentes que estean comprometidas co coidado do entorno, precisamos que sexades moi activas e activos na defensa do Medio Ambiente, así que estou segura que esta provincia ten futuro porque ten a nenas como vós que ides cambiar o mundo”.

“O lixo é responsabilidade dos que o producimos”
O director do Ceida Carlos Vales subliñou na apertura do congreso que o organismo que dirixe está “orgulloso e agradecido” á Deputación por levar adiante un programa “marabilloso” como o Revitaliza que pretende cambiar o modelo de xestión de residuos para facelo máis racional.

Vales lembrou que o curso pasado o persoal técnico do Ceida comezou a traballar con centros escolares que estaban adheridos ao «Plan Revitaliza», se ben este ano ampliouse o espectro a todos os centros da provincia, estean adscritos ao plan de compostaxe provincial ou non. “Para nós existe unha terceira categoría de elite, que son aqueles centros que traballan de maneira sistemática en conciencia ambiental, que sodes vós”, dixo dirixíndose aos rapaces e rapazas do congreso, a quen definiu como “axentes multiplicadores” das bondades da compostaxe que reciben información, sensibilización, participación e capacitación grazas aos obradoiros desenvolvidos ao longo do curso.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores indicou aos rapaces e rapazas que “todos, sobre todo os que gobernamos, temos a obriga de impedir que o planeta se deteriore e de deixalo máis limpo e con mellor saúde para as nosas fillas e netas. Temos que colaborar todos para xerar cada vez menos lixo, reaproveitar e reciclar: o que coñecemos como os tres R”, explicou.

O rexedor nacionalista fixo fincapé na necesidade de que a parte orgánica do lixo, os biorresiduos, deixen de mesturarse co resto do lixo. “Ten que haber un cambio porque o lixo é responsabilidade dos que o producimos. Hai que aproveitar, compostar para enriquecer o chan, porque o compost é abono para plantar árbores que nos dan froitos, osíxeno, que fixan auga no solo e reteñen tamén o solo ante chuvias torrenciais. É importante que todos coidemos do medio natural e estou agradecido que nenos e nenas da provincia de Pontevedra fagades compostaxe e convenzades aos vosos pais de que aproveiten ao máximo todo para evitar moreas de lixo. Parabéns aos que levan adiante o «Plan Revitaliza» e agardo que hoxe aprendades moito”, dixo para dar por aberto oficialmente o congreso.

Nesta ligazón, pódense consultar todos os proxectos presentados polos centros de ensino participantes neste congreso.