Hoxe rematan a exitosas visitas teatralizadas ao Castelo do Sobroso

O Castelo de Sobroso acolle hoxe sábado as últimas visitas teatralizadas postas en marcha pola Deputación de Pontevedra dentro da súa estratexia para poñer en valor esta fortaleza situada no concello de Mondariz. A fin de semana do 16 e 17 de xuño tiveron lugar as primeiras visitas, que se completan con estas de onte 29 de xuño e hoxe 30 de xuño. O interese espertado por esta iniciativa queda demostrado polo feito que, a mediados deste mes de xuño, se esgotara o aforo para as visitas tan só dúas horas despois da súa posta a disposición ao público.

Na visita de onte venres, participaba a deputada provincial Chelo Besada, mentres que na realizada na mañá de hoxe, era a deputada Digna Rivas a que acompañaba aos e ás participantes xunto ao alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.

As visitas teatralizadas diríxense especialmente ao público familiar e buscan dar a coñecer unha parte da nosa historia de xeito ameno e divertido. Dona Urraca e Pedro Madruga, personaxes con pegada no Castelo, son os protagonistas da iniciativa. Deste xeito, as persoas que participan poden coñecer, por exemplo, que dona Urraca estivo presa en Sobroso e fuxiu por un pasadizo, ou que Pedro Madruga reconstruíu a fortaleza despois das revoltas Irmandiñas. Preténdese así achegar, sobre todo aos máis novos e novas, a historia de maneira máis doada, así como amosar a natureza, o patrimonio e a paisaxe do Castelo de Sobroso e de toda a contorna.

A Deputación de Pontevedra enmarca estas visitas dentro da estratexia de posta en valor do Castelo de Sobroso e dentro da campaña «Somos Historias» que dedica o mes de xuño ao patrimonio inmaterial. A Deputación continúa así no seu obxectivo de converter o Castelo de Sobroso noutro importante foco de atracción de visitantes, ao igual que o Castelo de Soutomaior.