Primeiros pasos da Deputación para un anel verde de sendeiros ás beiras do Miño

De esquerda a dereita, Uxío Benítez, deputado de Cooperación Transfronteiriza; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Xosé Manuel Rodríguez Méndez, alcalde das Neves e Horacio Gil, alcalde de Arbo De esquerda a dereita, Uxío Benítez, deputado de Cooperación Transfronteiriza; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Xosé Manuel Rodríguez Méndez, alcalde das Neves e Horacio Gil, alcalde de Arbo

A Deputación de Pontevedra vén de dar os primeiros pasos para a creación dunha gran rede circular de sendeiros verdes en torno ao río Miño, unha acción recollida dentro do proxecto ecoturístico de cooperación transfronteiriza, Visit Rio Minho. Mediante a firma de tres convenios de colaboración cos concellos de As Neves, Arbo e Crecente, a institución provincial financiará a realización dos proxectos técnicos necesarios para a ampliación e acondicionamento dos sendeiros de pescadores tradicionais xa existentes nos tres concellos, a habilitación de novos tramos e a creación dun miradoiro.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez destacou que un dos fitos do proxecto Visit Rio Minho é que “todos e cada un dos axentes políticos de ambas marxes do río Miño nos puxemos de acordo para valorizar un entorno natural baixo a filosofía de ser este un valor común”. Así, baixo este pensamento, “acordouse crear unha rede de vías verdes ao redor do río Miño, cun trazado circular, é dicir, que non haxa dúas liñas de sendas independentes unha en cada marxe, senón un trazado único para os dous países”. Na mesma liña, o director da AECT Río Miño puxo o acento na necesidade de “ borrar as fronteiras administrativas que tanto dano nos fixeron para, entre todas e todos, ofrecer un destino turístico común, atractivo e único”.

sendeiros minho 01

Segundo indicou Benítez, a dotación do proxecto ascende a 31.500 € e financiará a redacción de tres proxectos técnicos, un por cada municipio, afectando a case 11 km de tramos”. O obxectivo é o de dar continuidade ao sendeiro xa existente no concello limítrofe de Arbo, co fin de ampliar a lonxitude do Sendeiro dos Pescadores ao longo da beira do río Miño, ampliando e acondicionando cara o leste en Crecente e cara o oeste en As Neves, onde tamén se realizará un miradoiro”. Así mesmo, tamén se proxectarán varias actuacións sobre as beiras do río Deva en Arbo.

Pola súa banda, o alcalde de Arbo, Horacio Gil, agradeceu “os esforzos que dende a Deputación de Pontevedra se veñen facendo con proxectos coma este, que contribúen a por en valor recursos importantes en concellos ribeiráns, limítrofes con Portugal, como é o caso do concello de Arbo”. E neste caso explicou que ademais “trátase dunha actuación que vén a complementar o traballo que se vén facendo dende hai anos de por en valor as ribeiras do Miño e os seus afluentes, como o río Deva”. Gil apuntou que “esta a zona de intervención, que discorre mesmo polo centro da parroquia, é un lugar cun altísimo valor paisaxístico, patrimonial, etnográfico, e unha zona moi presente na vida cotiá dos veciños e veciñas de Arbo e da parroquia de San Cristobal de Mourentán, e un lugar moi frecuentado por pescadores e pescadoras”.

O alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, afirmou que a potencialidade deste proxecto reside en descubrir un territorio” e agradeceu “a acción decidida da Deputación de Pontevedra de recuperar o espazo do río Miño como un lugar de representación da provincia e descubrir territorios que parecían opacos dende un punto de vista turístico, corrixindo unha inxustiza históricas”. Así mesmo engadiu que o máis relevante “non é a creación dunha nova infraestrutura útil en si, senón o propio proceso da identificación da potencia turística da zona como da materialización do proxecto, vai servir a todo territorio para sacar a cabeza e mostrarnos e ser recoñecibles”.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, reivindicou a necesidade de que os fondos europeos transfronteirizos se dediquen sempre aos concellos transfronteirizos, “que non se sigan a usar noutros territorios que nada teñen que ver coa fronteira. É unha reivindicación que vou seguir facendo cada vez que falamos de fondos europeos transfronteirizos porque temos que estar presionando para que isto sexa unha realidade. Como é unha causa xusta, temos que demandala sempre”.

Silva destacou a importancia de proxectos como Visit Rio Minho, no que se enmarcan os convenios hoxe asinados, “un proxecto no que territorios de dous países diferentes creamos un proxecto e un espazo común no que traballamos xuntos”. Explicou que este é o modelo de territorio no que se debe traballar, “a unión de todos e todas para potenciar un territorio no que agora o río Miño pasa a ser o centro, o elemento valorizador e vertebrador, e non un elemento de separación como por desgraza se viu durante moito tempo”. Carmela Silva salientou que é moi importante entender a cada concello ou entidade coma un ente propio coas súas necesidades concretas, “pero con capacidade para entender o conxunto do territorio coma un todo que nos permita poñer en valor a todo o territorio que conflúe arredor do Miño”.

sendeiros minho 02

A presidenta provincial subliñou que as tres sendas verdes que se van pór en marcha en Arbo, Crecente e As Neves, son un claro exemplo do “paraíso que é a nosa provincia, e sobre todo, do noso interior, que é un paraíso por descubrir e que durante anos estivo oculto e tapado”. Carmela Silva explicou que estes proxectos son a mostra de “como queremos potenciar todo o bo que temos dende un punto de vista sostible e como queremos amosar aquilo que nos identifica e que nos fai únicos e diferentes”. Engadiu que estas sendas verdes responden ademais á perfección ao novo modelo de turismo actual e no que o Goberno provincial traballa, “un turismo que agora demanda máis natureza, diversidade, experiencias e emocións, e precisamente de todo isto temos múltiples plans e ofertas aquí na nosa provincia, como estas que hoxe presentamos”.

Primeiras actuacións
En concreto, no concello de As Neves, o proxecto afectará a 3,3 km e recollerá a ampliación e adecuación do tramo que vai dende o límite entre Arbo e As Neves (no antigo viaduto) ata a capela de San Manuel (no lugar de Vide), que actualmente se atopa nunhas condicións deficientes. Asemade, o proxecto recollerá a realización dun miradoiro en madeira tratada para favorecer o achegamento de persoas que percorren a ruta e a contemplación da paisaxe en condicións de seguridade.

Pola súa banda, as actuacións no concello de Arbo centraranse no acondicionamento, ampliación e melloras no Sendeiro do Río Deva, afluente do Miño, entre a área recreativa de San Xoán e a área de baño de Barcia – Mouretán, o que supón unha intervención nun tramo de 4,3 km.

Por último, as actuacións en Crecente afectarán ao correspondente Sendeiro dos Pescadores, no tramo do río Miño entre Pousa e Cequeliños. Neste caso o proxecto inclúe o deseño dun novo trazado, aproveitando tramos xa existentes e habilitando outros novos. O percurso comezaría no límite con Arbo e chegaría ata a estación de tren de Pousa. Neste sendeiro atópanse accesos a todas as pesqueiras existentes actualmente e o seu percorrido total sería de 3,1 km.

VISIT RIO MINHO obtivo un co financiamento do 75% de fondos FEDER no marco da convocatoria do POCTEP 2014-2020 Interreg V A, cun orzamento total aprobado de 2.000.000,00 €, con unha achega dos Fondos Feder da Unión Europea total que ascende a 1.500.000,00 €.