Logo
Imprimir esta página

Areeiro recomenda a poda en verde da viña para conter as infeccións

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, recomenda continuar coas labores de poda en verde na viña e asegura que, aínda que xa se realizaran, volven ser necesarias na maioría das parcelas para conter as infeccións e facilitar a acción dos produtos fitosanitarios. Os técnicos da EFA indican que a inestabilidade das condicións atmosféricas destes días incrementan o risco de enfermidades como o mildeu, o oídio e a brotite.

Con respecto ao Mildeu, debido á previsión de alternancia de nubes e claros e a probabilidade de certas precipitacións para os vindeiros días, os técnicos aconsellan vixiar a evolución dos síntomas e aplicar un tratamento no caso de que continúen aparecendo acios afectados de mildeu larvado. Despois destes primeiros días, a partires de martes ou mércores xa se espera tempo seco e temperaturas elevadas, polo que a enfermidade tenderá a estabilizarse e mesmo debería diminuír a aparición de manchas nas follas tenras. Desde a EFA tamén indican que están a recibir un número importante de consultas sobre ataques mal controlados deste fungo e que na maioría dos casos descobren que están relacionados cunha escasa aireación dos acios polo desenvolvemento esaxerado dos pampos ou a problemas na aplicación. En canto aos tratamentos a aplicar, neste momento recomendan os produtos de cobre, xa que endurecen a pel dos grans e contribúen a limitar o vigor das plantas.

En canto ao Oídio, desde a EFA indican que persisten as condicións climatolóxicas favorables ao patóxeno, nomeadamente naquelas zonas na que hai néboas densas e persistentes. Nas fincas revisadas polos técnicos non atoparon síntomas nas variedades brancas, pero si nas variedades tintas. Tamén indican que estes síntomas diminuíron naquelas viñas nas que se realizaron as podas en verde e os esfollados. Recomendan vixiar a enfermidade naquelas parcelas nas que xa aparecera o fungo e, no caso de que avance, aplicar tratamento centrándoo nos acios. Os técnicos lembran que os grans rachan por causa deste fungo, o que favorecerá o ataque da podremia gris, da que hai máis esporas este ano a consecuencia da humidade.

En relación á Botrite, aínda que nesta semana non detectaron síntomas novos, as condicións climáticas tamén manteñen o risco alto, que descenderá en canto entre a masa de aire cálido prevista para mediados de semana. A recomendación, neste caso, pasa por manter a vixilancia naquelas parcelas nas que xa se tivera detectado o fungo, e intervir con tratamento se aparecen novos acios afectados.

En canto ao Black rot indican que aínda non existe risco para os acios pero que xa se detectaron as primeiras aparicións en fincas do Ribeiro, polo que recomendan que nas zonas máis próximas a esta área se manteña certo nivel de alerta. Por último respecto á viña, e se se produce a melloría notoria do tempo a partires de mércores, é previsible que continúen aparecendo plantas con síntomas de alteración de madeira. Desde a EFA aseguran que con esa situación serán máis evidentes os síntomas xa existentes e que haberá máis folla amarelando e secando nas marxes, e que tamén haberá acios con golpe de sol nas partes onde se teñan feito esfollados intensos e non moderados.

Polo que fai referencia á Maceira e Pereira, apareceron novos síntomas de moteado pero só afectan ás follas, polo que a recomendación é esperar a que mellore o tempo, xa que as condicións de sol non favorecen o fungo, e evitaríase así a aplicación dun tratamento.

No Buxo, e do mesmo xeito que ocorreu nos dous últimos anos por esta datas, a Cydalima perspectalis está no seu estado máis agresivo, debido a que as eirugas están no seu estado máis voraz. A recomendación pasa por aplicar un tratamento, mollando ben as plantas en todas as súas caras e antes de que a planta quede totalmente defoliada, caso no que o tratamento xa non sería eficaz.

 

© 2015 Comarcasnarede.es Todos los derechos reservados