'Galaicos' desembarca no Museo da Prehistoria de Valencia

A Deputación de Pontevedra abriu onte a exposición 'Galaicos. Un pobo entre dous mundos' no Museo da Prehistoria de Valencia, no Centre Cultural da Beneficencia da capital levantina, a mostra na que se pon en valor, de forma didáctica e explicativa, a importancia e sofisticación da cultura galaica e o seu territorio como un dos puntos estratéxicos da prehistoria e historia antiga.

No acto déronse cita a deputada Digna Rivas, en representación da presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva; o presidente da Deputació de València, Toni Gaspar; a directora do Museo da Prehistoria, María Jesús de Pedro; o presidente do Centro Galego de Valencia, José Ramón Cerdeira, amais dos comisarios da exposición, Antoni Nicolau e Rafael Rodríguez. Ambos, que fixeron unha visita guiada pola mostra, ofreceron no serán de onte unha conferencia na Capela da Beneficencia coa asistencia de deputados e deputadas de Valéncia, da directora do Museo de Lugo e de representantes do sector cultural e turístico da cidade.

galaicos valencia DignaRivas 02

'Galaicos. Un pobo entre dous mundos', que estará en Valencia ata o mes de setembro, é “un segredo que tiñamos gardado para nós e que agora queremos compartir con todas e con todos, un xeito de dar a coñecer que Galicia é máis que gastronomía e praias marabillosas, que temos unha xoia que é o noso patrimonio arqueolóxico que queremos compartir”, asegurou Digna Rivas. Amais, a deputada fixo fincapé en que a exposición ten tamén por obxectivo dar a coñecer que “a civilización galaica era punteira, que mantiña relacións comerciais co Mediterráneo, e que era o nexo de unión entre esta cultura e a Atlántica”. Neste eido, Rivas enxalzou a implicación de museos da provincia de Pontevedra, como o Museo de Pontevedra, o de Santa Tegra, o Quiñones de Leon de Vigo, o Museo de Mar de Galicia, o Museo Massó e Castrolandín, do resto de Galicia e de Asturias, que cederon pezas para a exposición, e agradeceu o apoio da Deputació de València e do Museo da Prehistoria pola súa boa disposición e colaboración para a posta en marcha da mostra.

galaicos valencia DignaRivas 01

Pola súa banda o presidente da Deputación de Valencia agradeceu á institución pontevedresa “a posibilidade de compartir unha parte da vosa historia, de comprender as moitas cousas que nos unen máis que nos dividen, máis en tempos como os que estamos a vivir. Cando un experimenta isto, comezamos a entendernos mellor, a comprender, a aprender das diferencias e a convivir”. Neste mesmo eido e na colaboración interinstitucional afondou a directora do Museo da Prehistoria de Valencia, quen tamén destacou a importancia da mostra, “cun discurso moi claro e didáctico, para coñecer o Noroeste Peninsular, o seu territorio, a súa cultura e as súas persoas”.

galaicos valencia DignaRivas 04

'Galaicos: un pobo entre dous mundos' xurdiu, tal e como recordou Antoni Nicolau, comisario da mostra, “a modo de tese, para contar unha historia que non é outra que o Noroeste estaba perfectamente conectado co resto do Mundo, que era un eixo central entre as culturas Atlántica e Mediterránea, que o que estaba realmente lonxe era o centro da Península Ibérica”. Deste xeito, os comisarios da mostra, Rodríguez e Nicolau, configuraron unha exposición a modo de viaxe, iniciándose a través dun audiovisual que establece a conexión entre a cultura atlántica y a mediterránea ao longo da prehistoria e historia antiga. Posteriormente, 'Galaicos. Un pobo entre dous mundos' artéllase arredor de cinco ámbitos cronolóxicos: Campesiños e guerreiros. Idade do Bronce Final (1.500 -800 a.C.); Poboados fortificados da primeira Idade do Ferro (800-400 a.C.); O Atlántico ábrese ao Mediterráneo (400 -19 a.C.); Na esfera de Roma: Gallaecia (séculos I-III) e a provincia de Gallaecia (finais do século IV-século VI).

En cada un dos ámbitos da mostra inclúese un texto introdutorio coas claves do período histórico, obxectos representativos de cada etapa e datos de xacementos arqueolóxicos. Así, ao longo do percorrido é posible ver máis de 60 obxectos arqueolóxicos, réplicas e outras inéditas, imaxes e fotografías, así como máis de 20 ilustracións, textos e recursos audiovisuais.