Logo
Imprimir esta página

A comarca do Condado-A Paradanta recibe financiación en catro iniciativas locáis para a xuventude

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou que a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, destinará case 23.600 euros a catro concellos da comarca do Condado-A Paradanta coa finalidade de poñer en marcha programas dedicados á mocidade durante o ano 2019. Nesta comarca víronse beneficiados os concellos da Cañiza e Ponteareas con 6.000 euros cada un, así como Mondariz, con 5.977 e Arbo con 5.600 euros.

Estas axudas teñen como obxectivo fomentar a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil no ámbito local, en especial, proxectos relacionados co emprendemento e a empregabilidade dos mozos e mozas, a promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, a dinamización da información, o fomento de actitudes creativas e da inclusión social e laboral, a dinamización da lingua galega e do empoderamento das mulleres, a conservación do medio rural e a creación de espazos para a comunicación.

Cores Tourís engadiu que a administración autonómica ten como prioridade lograr unha verdadeira participación da mocidade nos diferentes ámbitos da sociedade actual, para o que é fundamental impulsar actuacións e apoiar os proxectos que desenvolvan as entidades locais e que vaian dirixidos a facilitar a participación da mocidade en actividades de educación non formal, tendo en conta as competencias e aptitudes que derivan desta, sobre todo de cara a mellorar a empregabilidade da mocidade galega. Neste ámbito enmárcase esta nova orde de axudas, dirixida a impulsar proxectos promovidos polas entidades locais no ámbito da educación non formal e que teñan como beneficiarias directas as persoas mozas.

Tal e como explicou o delegado territorial, en relación á comunidade autónoma, o total destas axudas ascendeu a 500.000 euros, da cales 78 corresponden a solicitudes individuais e 4 a conxuntas. En concreto, as que son de carácter colectivo corresponden á iniciativa de Vedra, Boqueixón e Vila de Cruces, cunha subvención de 22.000 euros; a de Cerdedo-Cotobade, cun importe de 15.000 euros; a dos concellos de Mesías e Frades, co mesmo saldo; e ao programa de O Vicedo e Mañón, con 14.000 euros.

En canto ás solicitudes individuais subvencionadas, 26 corresponden a concellos da provincias da Coruña; 23 a municipios pontevedreses; 18 a concellos da provincia de Ourense; e 11 a concellos de Lugo. O importe que recibirá cada un destes municipios, dependerá da puntuación obtida segundo a orde. Así mesmo, a contía de maior cantidade será de 6.000 euros.

© 2015 Comarcasnarede.es Todos los derechos reservados