O Servizo de Emprego de COGAMI desprázase ata O Condado, A Paradanta e Redondela

Lucía Chaves, orientadora laboral de COGAMI Lucía Chaves, orientadora laboral de COGAMI

O Servizo de Orientación e Intermediación Laboral (SIL) que ten COGAMI habilitado para atender ás persoas con discapacidade que buscan emprego está situado nas instalacións que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade ten nas sete cidades galegas. Sen embargo, moitas das persoas que demandan este servizo viven en zonas rurais por iso, co fin de facerlles unha atención máis doada, durante dous días á semana un profesional desprázase ata estas zonas.

Lucía Chaves é unha das orientadoras laborais que ten COGAMI nas instalacións de Vigo e que se despraza ata concellos que forman parte das comarcas de Vigo, O Condado e Paradanta. Son arredor de 5.500 quilómetros anuais os que percorre Lucía Chaves para coñecer as necesidades das persoas usuarias dos concellos que atende. Estes desprazamentos que realiza o servizo de orientación laboral pretenden achegar o servizo ao entorno rural e evitar que sexan as persoas usuarias as que se teñan que desprazar ata as cidades, dadas as dificultades de desprazamento que existen nas zonas rurais, con núcleos de poboación dispersa, falta de transporte público e, no caso de habelo, non é adaptado.

É dende o ano 1998 que o SIL ten operativo este servizo de atención no medio rural dos concellos limítrofes coa cidade de Vigo. Mediante contacto telefónico ou vía correo electrónico, a orientadora concreta unha cita presencial coa persoa usuaria do servizo de emprego e formación, onde actualizará o seu curriculum, os datos persoais e tamén lle preguntará polas inquedanzas e preferencias para desenvolver un posto de traballo.

As persoas que contactan por primeira vez co servizo fano tras ser informadas por persoas coñecidas que xa están inscritas na bolsa de emprego de COGAMI ou tamén porque son informadas da súa existencia a través dos servizos municipais de Orientación Laboral ou de Traballo Social. Existe un contacto fluído con estes servizos da administración local e COGAMI, polo que cada vez que lles pide atención unha persoa con discapacidade, os profesionais destes servizos encárganse de derivalas a COGAMI. Precisamente, moitos dos puntos de atención son nas instalacións municipais que ceden os concellos.

Nas comarcas de Vigo, O Condado e Paradanta están apuntadas na bolsa de emprego que manexa COGAMI un total de765 persoas, como reflicte o seguinte recadro:

cogami cadro insercion laboral

Picar na imaxe para ampliar

Destas persoas integrantes na base de datos, durante o ano 2019, a orientadora laboral Lucía Chaves realizou un total de 94 orientacións.

En canto aos perfís predominantes, resalta Lucía Chaves que as persoas que están chegando a este servizo teñen unha formación académica básica ou non teñen formación, polo que a experiencia que teñen é de desempeñar empregos de baixa cualificación. Moitas delas teñen que reorientar a súa vida laboral, reciclarse, por iso dende COGAMI se imparten cursos como o de acompañante de transporte que se desenvolveu en Ponteareas, no que se formaron 12 persoas das que 4 están traballando.

Unha das funcións que ten o servizo de orientación laboral é manter o contacto fluído coas empresas da zona para sensibilizar e informar sobre os perfís de persoas que contén a base de datos. No que vai de ano, foron 9 as empresas contactadas.

Segundo datos que manexa esta área, durante este ano foron un total de 42 as persoas que lograron unha inserción laboral, 20 na comarca de O Condado, 2 en Paradanta, 17 en Redondela e 3 en Soutomaior.