Carmela Silva, "a provincia temos que construíla entre todas e todos"

Só tres semanas despois da toma de posesión o goberno reuniu ás alcaldesas e alcaldes dos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes e presentou as grandes liñas que marcarán o mandato: transición ecolóxica, axenda urbana, máis dereitos, axenda dixital e innovación. “Este é o noso proxecto para seguir a transformar a provincia nestes catro anos e queremos que os concellos o compartan con nós e se corresponsabilicen”.

Con esta apelación, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do vicepresidente, César Mosquera, e de deputadas e deputados do goberno, chamou hoxe ás alcaldesas e alcaldes dos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes, a colaborar e buscar consensos “para construír máis provincia entre todas e todos”. Na reunión de alto nivel no Salón de Plenos do Pazo Provincial, “só tres semanas despois da nosa toma de posesión”, Silva presentou as grandes liñas que marcarán o mandato destes próximos catro anos e detallou os proxectos, nos que xa se está a traballar, destinados “a beneficiar aos concellos para con eles seguir a mellorar a vida da xente. Temos unha folla de ruta clara, un modelo traballado con rigor e queremos a coparticipación de todas e todos”. A sustentabilidade cara á transición ecolóxica, a axenda urbana, máis dereitos e máis equidade, a axenda dixital e unha provincia que sexa un referente en innovación serán os principais eixos de acción que, amais de marcar de forma transversal a política do goberno, serán os obxectivos de todos aqueles proxectos e programas que se desenvolverán cos concellos.

CarmelaSilva CesarMosquera reunion concellos01

Así, a presidenta confirmou ás alcaldesas e alcaldes da provincia que o Plan Concellos seguirá a ser a principal ferramenta da Deputación para achegar recursos mediante os principios de autonomía e corresponsabilidade municipal, transparencia, equidade, e libre concorrencia. Carmela Silva, que se uniu á reclamación de moitos concellos “para que a Xunta poña en marcha un instrumento similar do reparto dos recursos”, avanzou respecto ao Plan Concellos que “estamos a analizar medidas que permitan unha maior eficiencia na execución dos proxectos para garantir a execución dos orzamentos que aproba a Deputación. Por elo, “queremos acordar cos Concellos medidas como que os seus proxectos sexan maduros e listos para licitar, que os cambios de destino dos fondos non alteren os prazos de xustificación, amais dunha reducións dos tempos de finalización das obras. “É evidente, dixo a presidenta, que haberá causas de forza maior que non o permitan, pero temos que recordar que hai concellos con obras do plan 2017 das que aínda non se recibiron nin unha soa certificación e que outros teñen o Plan 2018-2019 sen ningunha obra iniciada“.

A financiación europea seguirá a ser unha peza clave para seguir a transformar a provincia e avanzar na axenda medioambiental, unha das grandes prioridades destes catro anos. Silva sinalou que “estamos nun momento clave para a planificación de intereses comúns polo que Deputación e concellos debemos ir da man á hora de situarnos con forza diante do novo período de fondos”. A presidenta marcou obxectivos para conseguir financiación no marco da transición ecolóxica como favorecer unha economía verde respectuosa co patrimonio; reducir as emisións e contribuír á mellora da calidade do aire; avanzar na loita contra a desigualdade; recuperar novos espazos públicos; incrementar a mobilidade sostible; desenvolver a axenda dixital en termos de inclusividade e de creación de emprego ou Implantar enerxías renovables e avanzar no reequilibrio territorial. Neste sentido Carmela Silva citou a Axenda 2030 da ONU, a Axenda Urbana Española e o novo marco plurianual de fondos comunitarios 2021-2027, que fará que estas planificacións tomen corpo normativo e se convertan en oportunidades de financiación para os concellos e a Deputación. Amais, a asignación económica do FEDER para o desenvolvemento urbano sostible medrará ao 6%. “Isto significa, lembrou a presidenta, que a cantidade de Fondos que terá o Ministerio de Facenda para que os entes locais levemos a cabo estratexias urbanas sostibles vai medrar en cantidade e calidade. Por iso, apelou a comezar a traballar nunha estratexia conxunta diante da programación de Fondos 2021-2027 e unha nova dinámica de traballo cos concellos para establecer prioridades comúns que permita situar a nosa provincia e a súa singularidade diante deste novo marco multiaxenda.

 

Nesa aposta cara á Transición Ecolóxica, Silva insistiu que “impulsaremos a adaptación ao cambio climático e o reto da transición tanto nas accións da propia Deputación como na súa relación cos concellos. Crearemos unha estratexia de traballo en base ás directrices da ONU e as conclusións que se acorden no Cumio Mundial de 2019, centrada en cinco áreas prioritarias: a transición global cara enerxías renovables; infraestruturas e cidades sostibles e resilentes; agricultura e ordenación sostible dos nosos espazos naturais, incluíndo a xestión dos parques forestais; a resilencia e adaptación aos impactos climáticos e a converxencia de financiación pública e privada cunha economía de emisións netas cero”. Amais, se manterán as axudas ao tecido socioproductivo do sector primario e traballarse cos concellos para a mellora dos Parques Forestais, continuando coas liñas de axuda para a creación de espazos e de posta de valor dos nosos montes.

Desde Novas Tecnoloxías a Deputación converteuse no pasado mandato no referente tecnolóxico dos concellos para afrontar con éxito a transformación dixital con plans como a administración electrónica, o Padrón de Habitantes, o Servicio de Impresión e Dixitalización, o Servicio IDEPo ou de asistencia en materia de protección de datos. De cara á forte aposta pola axenda dixital, esa colaboración vaise impulsar aínda máis cun maior soporte de asistencia técnica, con novas solucións tecnolóxicas de software que permitan mellorar a xestión interna dos concellos e coa creación dun centro permanente de dixitalización de fontes documentais de xeito que se poida preservar o arquivo histórico e acadar un arquivo dixital único. Este proxecto atópase nunha fase moi avanzada e estímase que estará operativo nun prazo aproximado de 8 meses.

Tal e como informou a presidenta aos concellos, a sustentabilidade tamén marcará as políticas de mobilidade e infraestruturas coa recuperación do espazo público como eixo estratéxico da acción política, “polo que en colaboración con concellos continuaremos traballando na procura dunha mobilidade amable e sustentable”. O servizo de infraestruturas e vías provinciais incluirá o sostemento, mellora e novas actuacións en todo o viario provincial, incluídas os tramos urbanos, así como as accións desenvolvidas mediante convenios de mellora de tramos urbanos para a súa posterior cesión a os concellos. A presidenta comprometeuse coas alcaldesas e alcaldes que “a limpeza, o desbroce e a preparación de vías provinciais serán unha constante, para o que melloraremos a comunicación coas entidades locais na procura dunha ordenación regulada das tarefas a desenvolver”.

A promoción económica da provincia tamén seguirá a ser un eixo transversal da acción do goberno. Silva confirmou que “intensificaremos a colaboración cos concellos tanto na implementación de acción formativas para persoas desempregadas como cos programas que se desenvolven cos concellos”. Programas como DEPOEMPRENDE na Escola, na ESO e na FP de fomento da cultura emprendedora seguirán a ter un protagonismo importante, e se avanzará no fomento do emprendemento na xuventude e na poboación en risco de exclusión social, “temas, dixo a presidenta, nos que os concellos poden ser grandes aliados”. Amais se seguirá a apostar polo apoio á mobilidade estudantil en Europa (ERASMUS); cos programas de fomento do emprego e de adquisición de competencias profesionais (AFD e LABORA 2020) e co apoio a persoas emprendedoras e pequenas empresas a través do programa SMARTPEME que desde a súa posta en marcha chegou a máis de 2000 pymes, emprendedores e asesorados/as. Entre as novidades, o goberno consolidará o programa “O teu primeiro emprego”, con contratos en prácticas, amais de abrir canles de colaboración cos pequenos concellos para programas formativos para mozos e mozas desempregados/as e poboación en situación de risco social como TIC emprendes; e unha nova liña de traballo de SMART PEME para que desde os concellos se impulse o asesoramento TIC ao tecido empresarial local.

CarmelaSilva CesarMosquera reunion concellos04

Carmela Silva informou tamén ás alcaldesas e alcaldes das novidades que se implantaran na área de igualdade, “na que esta Deputación é referente en Galicia e no Estado”, un servicio transversal que velará polo desenvolvemento de accións e programas con perspectiva de xénero en todas as areas. “Seguiremos apostando, dixo a presidenta, porque as mulleres teñan mais presencia, e pola loita contra a violencia machista e a reivindicación dos dereitos con accións contundentes para a súa visibilización. Amais, se implantarán novos programas nos concellos con campañas de sensibilización e unha nova programación para a formación de persoal municipal na Escola Maria Vinyals.

En canto ao Turismo, se a aprobación do Plan Estratéxico 2017-2020 marcou a pasada lexislatura, neste mandato afrontaranse catro grandes retos: un modelo sostible; o posicionamento do destino en base aos valores de marca (sustentabilidade, autenticidade, excelencia, atemporalidade e internacionalidade; o compromiso coa excelencia e a Implantación dunha xestión intelixente. A presidenta adiantou que se ampliará a rede de oficinas de Rías Baixas e haberá novas liñas de colaboración cos concellos adheridos á rede de oficinas da DEPO no eido da innovación convertendo estas oficinas municipais en espazos modernizados con TIC,s. Tamén na elaboración de materiais promocionais e actualización da información “e ao través de Tourist Inside Rías Baixas instalaremos tótems multimedia en enclaves turísticos para obter información acerca do perfil das persoas visitantes”. “Tamén, dixo Silva, ampliaremos a web de Turismo Rías Baixas creando espazos de información e promoción turística dos concellos, e desde a Rede de Destinos Turísticos Intelixentes trasladaremos a todos os concellos asesoramento para ser un territorio intelixente a nivel turístico. Desenvolveremos as campañas de sostibilidade turística cos concellos que desexen adherirse e impulsaremos un acordo municipal de fomento do turismo ambientalmente responsable”. A presidenta confirmou que seguirá a colaboración cos pequenos concellos na obtención da Q de calidade e tamén reforzarase o papel dos concellos na Mesa Provincial do Turismo. “Impulsaremos tamén o programa de emprendemento Turistic, dixo Silva, e no marco da Mesa do Camiño traballaremos nun informe de situación dos Camiños que transcorren pola provincia para garantir a súa seguridade e accesibilidade de cara ao Xacobeo 2021”.

“Máis equidade e máis dereitos” será o obxectivo do goberno provincial “que seguirá a poñer ás persoas no centro da acción política”. Na súa relación cos concellos, Carmela Silva sinalou que se mellorará a prestación de servizos básicos e a procura da igualdade de oportunidades entre a cidadanía e entre os territorios. Por iso alertou das novas demandas, a situación de despoboamento e de soidade de maiores e dependentes, “o que fará que nesta lexislatura poñamos aínda mais acento na colaboración cos pequenos concellos. Por iso avanzaremos no eido da atención social e cos programas de inclusión e integración das persoas. De feito, dixo Silva, melloraremos e equilibraremos o sistema cos concellos no financiamento de servizos socio comunitarios, ampliaremos os programas destinados a educación en valores a un maior número de concellos, incrementaremos o número de persoas beneficiarias da teleasistencia nos pequenos concellos e aumentaremos os programas sobre hábitos saudables, envellecemento activo, prevención na saúde, respiro familiar, etc ...

En canto á Cultura, Silva tamén confirmou que se seguirá a impulsar un sistema de reparto de recursos a través de liñas de concorrencia competitiva, e tamén en programas xa existentes como Musigal ou Pontegal para os que se están a analizar novas propostas de xestión, “seguindo coa liña de transparencia e equidade que implementamos nas nosas propostas”. A presidenta tamén avanzou ás alcaldesas e alcaldes as novidades do Servizo ORAL, no que un total de 53 concellos de menos de 20.000 habitantes e 9 entidades teñen delegada na Deputación algunha competencia de carácter tributario. Á nova oficina virtual tributaria unirase moi cedo a páxina WEB do ORAL e manteranse as xornadas de formación para os concellos, dado a da demanda dos mesmos. Trabállase tamén unha nova plataforma de intercambio de documentación e en novos modelos de ordenanzas.

O vicepresidente Mosquera anuncia que neste ano haberá subvencións para limitar a 30 quilómetros hora os núcleos urbanos de vilas e cidades
O vicepresidente César Mosquera puxo en valor que apenas poucas semanas despois de tomar posesión a equipa de goberno xa ten proxectos e liñas estratéxicas concretas que poder presentar a alcaldes e alcaldesas. Indicou que, se ben o bipartito ten un programa claro e un goberno rodado, iso é algo “extraordinario”, ten moito traballo detrás, e facilita as previsións que poidan facer os concellos, confrontando co que acontece con outras administracións.

O nacionalista subliñou que neste ano o departamento de Mobilidade aprobará unha liña de subvencións en prol da seguranza viaria. Lembrou que no pasado mandato os concellos puideron acceder a axudas para a redacción de Plans de Mobilidade Sustentable (PMS), e subliñou que neste exercicio o obxectivo será dar axudas para aplicar o plan e, en concreto, para limitar a velocidade máxima do viario dos núcleos urbanos de vilas e cidade a 30 quilómetros hora. Mosquera destacou que esta medida está no borrador do Regulamento de Tráfico dende hai anos e vai ser unha realidade inminente, polo que a Deputación pretende colaborar no financiamento dos custes asociados á súa implantación cos concellos que queiran ser pioneiros. “Quen o queira afrontar vai ter toda a axuda deste goberno, porque trátase de dar un paso concreto na dirección de ir facendo vilas máis amables e baixar a sinistralidade, que baixou no Estado pero en Galiza sigue subindo”, afirmou. No relativo a outras medidas, o vicepresidente Mosquera destacou que o traballo en compostaxe seguirá adiante con máis forza, así como tamén outras liñas de actuación como as de Patrimonio. Asegurou, así mesmo, que os concellos deben responsabilizarse e presentar os proxectos para os que optan a subvencións maduros, cos permisos e listos para licitar para así non ter recursos paralizados.

Finalmente, Mosquera lamentou a actitude do alcalde de Cerdedo-Cotobade e voceiro do PP, de quen dixo chegou á reunión con “consignas externas”, “afirmacións desafortunadas” e “de formas bastante feo”. Indicou que Cubela confundiu o encontro con alcaldes cun pleno provincial. Subliñou, ante a petición de máis fondos para o Plan Concellos que a Deputación destina todos os cartos que pode a este plan, lembrando que pasou dos 18 millóns de euros a 43 millóns de euros. Tamén sinalou que se a Xunta dse fixese cargo de centros que deberían ser da súa competencia (Príncipe Felipe, Mouriscade ou Areeiro, entre outros), poderían subirse os recursos do plan en 20 ou 30 millóns de euros.