Areeiro advirte sobre os tratamentos contra o mosquito verde na viña

A estación fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, vén de recomendar que antes de comezar tratamentos contra o mosquito verde das viñas, se faga unha comprobación de que, efectivamente, a viña está afectada por dito insecto. Os técnicos da EFA están a constatar que se están aplicando tratamentos contra teóricos ataques de mosquito verde que en realidade son síntomas de estrés hídrico

As condicións metereolóxicas de altas temperaturas das últimas semanas, e especialmente as da pasada fin de semana, non facilitan o avance das pragas nas viñas, nin de parásitos nin de fungos. Así o manifestan os técnicos da EFA de Areeiro ao tempo que advirten que están a constatar que nalgúns casos se están producindo confusións entre os danos producidos polo mosquito verde e os síntomas de estrés hídrico. O estrés hídrico, explican desde a EFA, responde a unha seca da terra do viñedo que se produce especialmente en solos pouco profundos, en solos areosos, e tamén en solos con excesiva vexetación espontánea.

Areeiro advirte que antes de dar tratamento contra esta praga é importante comprobar que realmente a viña está sufrindo ataques por parte deste parásito. Para constatar a presenza real de mosquito verde, os técnicos recomendan a instalación de trampas amarelas.

En canto ao resto de enfermidades e pragas que habitualmente afectan á viña, o aviso fitosanitario desta semana constata que as altas temperaturas non facilitan a súa propagación. En todo caso, as precipitacións rexistradas no xoves da semana pasada, de escasa contía, e a situación xeral da viña neste período, non dan pé a pensar que poidan darse infeccións significativas. Tan só recomendan continuar a vixilancia por se se produciran casos puntuais.