As baixadas das temperaturas diminúen o risco de mildeu nas viñas, segundo Areeiro

Foto: ©Estación Fitopatolóxica do Areeiro / Deputación de Pontevedra (http://www.efa-dip.org/) Foto: ©Estación Fitopatolóxica do Areeiro / Deputación de Pontevedra (http://www.efa-dip.org/)

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de indicar no seu último aviso fitopatolóxico que o risco de infección da viña por Mildeu vaise reducir grazas á baixada das temperaturas. Os técnicos subliñan, así mesmo, que é preciso aplicar tratamentos só onde son estritamento necesarios, xa que se corre o risco de eliminar insectos e ácaros moi útiles para o desenvolvemento das vides.

Segundo explica a técnico Rosa Pérez, a pesares de que o nivel de risco fronte ao Mildeu será menor se se compren as previsións meteorolóxicas, é previsible que nos viñedos cun control deficiente aparezan novos síntomas de Mildeu a partir do 4 ou 5 de xullo, polo que non hai que descoidar a vixilancia. Así mesmo, Pérez indica que xa se deben empregar produtos que conteñan cobre nos tratamentos e eliminar o exceso de vexetación para ventilar os acios e permitir o acceso dos funxicidas.

Polo que se refire ás viñas, os técnicos non teñen detectado novos síntomas de Oidio nin de Botrite, xa que este ano as uvas están sas e carentes de feridas, polo que non son proclives á infección por este último fungo. Así e todo, conforme avance a campaña –xa dende o inicio do pintado– haberá que prestar maior atención ás variedades sensibles e/ou se hai períodos de elevada humidade relativa ou choivas, e gretas ou feridas nas uvas.

En canto ás couzas do acio, nas trampas instaladas nas parcelas de seguimento as capturas de machos de Lobesia botrana foron diferentes na súa evolución respecto á semana anterior, sendo o máis normal o aumento de individuos recollidos, que foi máis notorio nas fincas de O Salnés. Porén, en Vide (O Condado) e Tollo (O Rosal) houbo un descenso de capturas. Para non aplicar tratamentos innecesarios fronte a esta praga debe considerarse, ademais do número de insectos recolleito nas trampas, a presenza de ovos e/ou de penetracións de eirugas nos grans. E non é recomendable tratar a menos que se supere o limiar de tolerancia (3-5% de acios con penetracións en variedades sensibles a botrite e 5-8% no resto de casos).

Segundo subliñan dende Areeiro, no caso de ser necesario un tratamento para calquera patoloxía na viña - sobre todo no referente aos insecticidas-, é preciso ser moi coidadoso e confirmar a súa necesidade, xa que nas vides hai un complexo bastante importante de insectos e ácaros útiles que poden ser eliminados con aplicacións non necesarias.

Maceira e buxo
Os técnicos de Areeiro tamén subliñan que é importante manter as maceiras permanentemente protexidas se non se dispón de trampas para facer o seguimento de capturas de Cydia pomonella. En caso de telas instaladas, debe aplicarse un tratamento ao superar o limiar de 2 adultos por trampa e semana, xa que as penetracións de larvas de couza no froito, ademais do dano directo que supoñen, poden favorecer a instalación de fungos de podremia en condicións húmidas e provocar a caída prematura das mazás

Sobre o piñeiro, os técnicos apuntan que nesta semana recolleuse o primeiro adulto de Procesionaria na trampa instalada nos arredores da cidade de Pontevedra, o que supón un adianto de case un mes fronte á data máis temperá de primeira captura rexistrada na mesma trampa en anos anteriores.