Mancomunidade e concellos do Val Miñor apoian a iniciativa popular do Parque de Bombeiros

Os concelleiros de Gondomar Concello Aberto, Nigrán Decide e EU Son Baiona, na presentación da iniciativa popular o pasado mes de marzo Os concelleiros de Gondomar Concello Aberto, Nigrán Decide e EU Son Baiona, na presentación da iniciativa popular o pasado mes de marzo

Durante o último mes, nos plenos celebrados nos concellos do Val Miñor, Baiona, Gondomar e Nigrán foron aprobadas mocións nas que se mostraba o apoio á Iniciativa non lexislativa popular para a Creación dun Parque de Bombeiros de xestión pública directa con base nalgún dos Concellos da comarca miñorana, no que se integre o actual persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal da Mancomunidade do Val Miñor, así como que se instaba a todos os grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia a que asumisen dita iniciativa popular.

Nestes plenos, a moción de apoio á iniciativa popular foi apoiada por todos os grupos, agás o do BNG, que se abstivo en todas as institucións do Val Miñor nas que ten representación. O pleno da Deputación, pola súa banda, rexeitou o apoio a esta iniciativa non lexislativa popular cos votos en contra do PP, PSOE e BNG logo de ser defendida polo deputado da coalición SON, Xosé Lois Jácome.

A Comisión Promotora lamenta que esta moción, que "non era máis que un apoio á Iniciativa popular para darlle máis forza cando se debata no Parlamento de Galicia", fora rexeitada co argumento de que non propoñía unha solución global para toda a provincia. Os promotores da iniciativa consideran que no pleno da Deputación "apróbanse mocións sobre cuestións que afectan unicamente a zonas concretas da provincia, en todo caso, a creación dun parque de bombeiros pode formar parte da solución provincial de cara á dotación a toda a provincia dun servizo de bombeiros axeitado, sen zonas onde o tempo de resposta sexa superior ao adecuado".

Os promotores de dita iniciativa, os concelleiros de Gondomar Concello Aberto, Nigrán Decide e EU-Son Baiona e membros de colectivos sociais do Val Miñor presentaron o pasado 16 de marzo no Parlamento as sinaturas que a subscribían, sendo xa validadas en número suficiente pola Xunta Electoral de Galicia, polo que agora continuará a súa tramitación parlamentaria esta iniciativa, xa admitida pola mesa, estando pendente a súa publicación no Boletín do Parlamento.