O Parque da Auga de Sanguiñeda, o rei do verán

O Parque da Auga fai as delicias de todos os usuarios, sobre todo, os máis pequenos O Parque da Auga fai as delicias de todos os usuarios, sobre todo, os máis pequenos

A concelleira mosense de Urbanismo, Medio Ambiente e Emerxencias, Julia Loureiro, deu conta do alto índice de afluencia que se está a rexistrar no Parque da Auga de Sanguiñeda nestas primeiras xornadas estivais caracterizadas polas altas temperaturas. Numerosos nenos e nenas acompañados das súas familias achegáronse para xogar e refrescarse nos diferentes elementos desta área de lecer de recente creación que está a resultar enormemente concorrida.

O pasado 15 de maio comezou a funcionar o parque de auga de Sanguiñeda, que permanecerá activo en horario de tarde, de 16.00 horas a 20.00 horas, ata o vindeiro mes de setembro, ou incluso máis avanzado o outono se o bo tempo o permite.

O sistema de funcionamento dos elementos desta área de lecer acuática baséase en tres programas que se suceden cíclicamente, funcionando un deses tres programas cada 20 minutos e intercalando un descanso de 10 minutos con periodicidade horaria, tras o cal se volve a reactivar automáticamente o ciclo de tres programas.

Un dato moi importante é que este sistema de funcionamento está deseñado para que non se desperdicie nin unha gota de auga. Isto é, a auga que se usa nos elementos de xogo recóllese e pasa por unha depuradora que a filtra para que se poida volver a usar no seguinte programa; polo tanto, sempre se emprega a mesma auga que vai depurándose e nunca se desperdicia.

parque da auga02

A edil Julia Loureiro declarou que espera “poder seguir a ampliar este parque, xa que son dependencias moi demandadas e utilizadas, sobre todo nos meses de verán, polo que continuaremos a facer xestións para lograr ir incrementando progresivamente os elementos existentes”.

Detalles do parque
Este parque-escola está situado na parroquia de Sanguiñeda, nun parque de titularidade municipal. Na zona de xogos de auga represéntanse o ciclo da auga e o fenómeno meteorolóxico da choiva, fenómenos naturais acuáticos como os géiser, unha noria de rego e unha miniturbina hidráulica para explicar o aproveitamento humán da auga dende os albores da civilización.

Ademais destes xogos coa auga como elemento protagonista, tamén se instalou un horto ecolóxico mediante o que fomentar o respecto medioambiental e a plantación de cultivos ecolóxicos, o traballo en equipo entre a comunidade de veciños, e o achegamento da cultura hortícola e agrícola. Este horto é cultivado, mantido e xestionado polos membros usuarios do centro das Escravas da Virxe Dolorosa a petición da propia institución.

A finalidade da creación dun parque-escola sobre a auga e os cultivos ecolóxicos en Sanguiñeda é a de fomentar entre os máis cativos o respecto polo medio ambiente, pola agricultura ecolóxica e polo consumo responsable da auga, aprendendo que é un ben escaso e moi necesario para o desenvolvemento da vida no noso planeta.

A protección do ambiente e do espazo natural é o obxectivo principal deste parque-escola infantil que ten como contido e característica principal a utilización recreativa e didáctica do recurso natural da auga.