II Concurso de Relatos Curtos sobre música galega de «O Son do Pazo»

A cuarta edición do Festival Intercéltico «O Son do Pazo» celebrarase na contorna do Pazo de Mos o venres 31 de agosto e o sábado 1 de setembro de 2018, pero a programación paralela xa botou a andar coa convocatoria do segundo Concurso de Relatos Curtos sobre a música galega, iniciativa dirixida a rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos coa intención de espertar, nos máis cativos, o interese pola cultura e as tradicións de Galicia.

Tralo éxito de participación do ano pasado, no que se recolleron máis de 30 redaccións elaboradas por escolares de Mos e dos concellos limítrofes, o Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos organizadores do «Son do Pazo», vén de anunciar que esta segunda edición do certame contará cun xurado conformado polo profesor e investigador da música galega Xaime Estévez, a compoñente do grupo as Lagharteiras, Tamara Costas e o actor e titiriteiro Andrés Giráldez.

Os e as participantes poderán depositar as súas redaccións, cunha extensión máxima dunha cara dun folio, nas caixas de correos instaladas nos distintos colexios públicos do concello de Mos, na Biblioteca Municipal e no propio Pazo. Os relatos poden estar escritos tanto a man como a ordenador e deben ser en galego. O gañador levará un set de xogos para o aire libre, o segundo finalista un set de xogos tradicionais e o terceiro clasificado un set de xogos de lóxica.

O Son do Pazo
O Festival Intercéltico «O Son do Pazo», organizado polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos, chega este ano á súa cuarta edición co obxectivo de consolidarse como unha cita ineludible para os amantes da música folk en Galicia.

Polo escenario do Festival pasaron, dende o ano 2015, algúns dos nomes máis destacados da música galega, como Uxía Senlle, Xosé Manuel Budiño, Son de Seu, Treixadura ou Susana Seivane, entre outros moitos. A comisión organizadora está a traballar na confección do cartel de 2018 e en próximas datas anunciará os primeiros grupos confirmados, entre os que volverán figurar algúns dos artistas máis destacados da escena folk galega actual.