Mos acolle unha nova edición das Mesas Sectoriais de Medio Ambiente

A reciclaxe, a posta en valor dos activos paisaxísticos e naturais dos concellos ou as medidas que teñen na súa man os concellos para mellorar nos ámbitos da mobilidade e a sustentabilidade a través dos programas da Deputación de Pontevedra ou da captación de fondos europeos foron algúns dos aspectos que se abordaron na mesa sectorial dedicada ao Medio Ambiente que acolleu Mos no serán de onte.

A candidata á alcaldía por este concello, Victoria Alonso, destacou que "queremos que Mos medre de forma sostible e para iso as e os socialistas da agrupación crearon un programa con varias liñas de actuación no que a aposta pola posta en valor da contorna como recurso natural ten un gran peso". 

"Queremos facer xurdir un turismo rural mosense baseado na natureza, potenciando o sendeiro do Río Louro e mellorando dun xeito máis amable o seu entorno, eliminando a contaminación, tanto do río Louro coma doutros canles pequenos", explicou Alonso.

A posta en marcha de políticas eficaces de reciclaxe, actividades para os cativos e dispor no concello de medio e colectores de reciclaxe para poder levalo a práctica, potenciar a reciclaxe e a xestión de residuos nas empresas, substituíndo paulatinamente o alumeado público por outro con maior eficiencia enerxética foron algúns dos aspectos que se abordaron durante a mesa, na que houbo un capítulo especial para a situación dos montes de Tameiga, que a agrupación quere orientar cara a creación de parques forestais orientados a sendas turísticas, que acabarán repercutindo positivamente na economía local e farán xurdan negocios locais.

mesa sectorial medioambiente mos 02

Pola súa banda, o alcalde da Illa, Carlos Iglesias trouxo ao encontro a súa experiencia como alcalde dun municipio insular cunha parte importante de territorio protexido e explicou as medidas e programas que o goberno socialista puxo en marcha con gran éxito neste municipio como a dotación de composteiros individuais e a instalación doutros colectivos así como a posta en marcha de medidas de aforro enerxético e de mellora da mobilidade. "Acabamos de ser seleccionados entre máis de dous mil concellos de toda Europa para a posta en marcha dun programa europeo de implantación de enerxías renovables", explicou Iglesias, quen destacou a relevancia de coñecer os programas tanto europeos coma supramunicipais, como o Revitaliza da Deputación de Pontevedra, que poden axudar aos pequenos municipios na posta en marcha de medidas de mellora da sustentabilidade.

O acto tamén contou coa presencia da alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, que dou unhas pinceladas sobre as políticas levadas a cabo desde o goberno que dirixe, así como á fronte do Consorcio da Auga do Louro, do que é presidenta.

Desde este último organismo lanzaron campañas para o baleirado e trazabilidade dos residuos das fosas sépticas. “É importante que as administracións velen por como se baleiran as fosas sépticas e poder avaliar adecuadamente a trazabilidade dos desfeitos”, asegurou de la Torre.

Do mesmo xeito, desde a corporación municipal puxeron en marcha un programa de limpeza dos montes da vila que permitiu que o ano pasado “en Porriño non houbese incendios”. “Os nosos montes e camiños están limpos, e iso garantiza unha maior protección para os nosos recursos naturais e a nosa poboación”, sinalou.

Por último, a deputada autonómica Patricia Vilán sinalou os principais problemas medioambientais que asolan á provincia de Pontevedra, poñendo o foco na inacción do Goberno autonómico presidido por Feijóo. A vicevoceira do grupo socialista puxo especial atención na loita contra o cambio climático e os seus efectos negativos “no sur e no interior da provincia de Pontevedra”, e acusou á Xunta de levar “anos sen facer nada para loitar contra el e para mitigalo”, una das causas detrás dos “grandes lumes” que estamos a ver estes días.

Falta de protección do patrimonio natural, unha aposta por un modelo de xestión de residuos centro unicamente en SOGAMA ou a falta de depuradoras de augas residuais, sen “ningunha EDAR nova desde hai case 10 anos”, foron outros dos problemas sinalados por Vilán.

Estes encontros están a ser a punta de lanza da construción das liñas programáticas das e dos socialistas da provincia. As propostas e ideas recollidas no encontro plasmaranse nun documento que servirá de guía para as agrupacións municipais coa vista posta no próximo 26 de maio. “O traballo que estamos a desenvolver entre todas e todos os militantes e simpatizantes deste partido permítenos ser as e os primeiros en presentar as nosas propostas ante a cidadanía”, defende David Regades, secretario xeral provincial, “demostrando así que o noso firme compromiso coa veciñanza”.