A Biblioteca Municipal de Mos recibe o seu sétimo premio María Moliner

Sara Cebreiro, concelleira de Cultura do Concello de Mos, cos novos libros para a biblioteca municipal Sara Cebreiro, concelleira de Cultura do Concello de Mos, cos novos libros para a biblioteca municipal

A Biblioteca mosense recibiu hoxe 152 exemplares repartidos entre literatura infantil, xuvenil e para adultos, ademais da suscrición durante un ano a 12 revistas culturais como recompensa a ter conseguido acadar por sétima vez o Premio María Moliner.

A concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, recepcionou esta mañá na Biblioteca Municipal de Mos, sita na Porteliña parroquia de Petelos, os novos exemplares de libros para uso e disfrute dos socios e socias da mesma, tanto nas propias instalacións coma a modo de préstamo temporal.

Sara Cebreiro asegurou sentirse moi satisfeita xa que “con este novo premio melloramos considerablemente a colección bibliográfica da nosa Biblioteca Municipal”.

O Premio María Moliner de Animación á Lectura recibido pola Biblioteca Municipal de Mos concédeo o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a FEMP (Federación Epañola de Municipios e Provincias) e a Fundación Coca-Cola. A Biblioteca mosense foi premiada nesta ocasión polo proxecto ‘Os libros fante viaxar... Ven á Biblioteca!!!’ e recibiu por elo o lote de 152 libros que lle permiten ampliar notablemente o seu repertorio de exemplares. Como xa se dixo, este lote inclúe títulos de todo tipo, tanto orientados ó público infantil coma ó xuvenil e adulto.

Gracias a este recoñecemento, a Biblioteca Municipal de Mos atópase incluída unha vez máis no grupo de 300 bibliotecas españolas premiadas co María Moliner, que nesta ocasión celebrou a súa décimo sexta edición.

O concurso de proxectos da campaña María Moliner de animación á lectura vai dirixido a Bibliotecas públicas de municipios de menos de 50.000 habitantes, coma é o caso do Concello de Mos, e ten por obxecto incentivar as accións de animación e fomento da lectura de nenos e mozos, de eficiencia e labor bibliotecaria, así como a integración social nas Bibliotecas públicas.

A concelleira de Cultura valorou hoxe moi positivamente que a Biblioteca Municipal de Mos sexa novamente receptora deste premio porque “valora especialmente o esforzo, traballo e imaxinación aportados ós proxectos e programas anuais de fomento da lectura entre os veciños e veciñas, desenvolvidos polas bibliotecas públicas”, explicou Sara Cebreiro.

sara cebreiro premio maria moliner02

No caso concreto de Mos o proxecto anual de fomento da lectura titulado ‘Os libros fante viaxar... Ven á Biblioteca!!!’ incluiu diversas actividades celebradas en diferentes épocas tales coma visitas dos nenos e nenas da Escola Infantil da Porteliña ó longo de todo o ano, un concurso infantil de postais de Nadal, un curso de informática para adultos, a celebración en abril do Día Internacional do Libro, en maio do Día das Letras Galegas, en xuño a celebración local da Festa da Rosa, en xullo un encontro cos nenos e nenas saharauis beneficiarios do programa Vacacións en Paz da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, charlas informativas nos centros educativos do municipio e a celebración do Día da Biblioteca.

A concellería de Cultura á que pertence a Biblioteca Municipal de Mos impulsa unha serie de actividades que complementan os recursos escolares e académicos ademais da mellora da convivencia escolar, familiar e cidadá con proxectos atractivos e pedagóxicos que dinamizan e favorezan a incorporación social sen esquecer o fundamental: o fomento da lectura e a educación en valores.

A proposta mosense que gañou o Premio María Moliner constitúe unha oferta de calidade que optimiza os recursos conseguindo así unha evidente redución do custo sen que iso repercuta na calidade das actividades. Proba diso é o considerable incremento de socios e socias así como o aumento de número de libros en préstamo.

Neste sentido Sara Cebreiro argumenta que “a Biblioteca debe ser o ente aglutinador e promotor de todas as propostas relacionadas coa lectura. A realización destas tarefas supón a existencia duns requisitos básicos: fondos bibliográficos, recursos tecnolóxicos, relación con outras bibliotecas (no noso caso con bibliotecas escolares), contacto co departamento de Benestar Social e nalgunhas actividades implicación das familias”. Precisamente a habilidade á hora de conxugar todas estas tarefas foi a que facilitou a nova obtención do Premio María Moliner para Mos este ano.

Por último Cebreiro informou de cales son os obxectivos concretos que se perseguiron con este proxecto ‘Os libros fante viaxar... Ven á Biblioteca!!!’, e que son fomentar a lectura entre a poboación do municipio, promover o coñecemento musical, promover valores de tolerancia, respecto, comprensión, etc., a integración social dos distintos colectivos con dificultades da poboación mosense tales coma inmigrantes, discapacitados, familias sen recursos, etc., a introducción e uso das novas tecnoloxías, ofrecer alternativas de ocio saudable para tódolos públicos e promocionar a interacción e o contacto entre as diferentes familias do Concello.