A Biblioteca Municipal amplía os seus fondos

A concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, acompañada por persoal da biblioteca pública, cos libros recén adquiridos A concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, acompañada por persoal da biblioteca pública, cos libros recén adquiridos

A Biblioteca Pública municipal de Mos vén de ampliar os seus fondos bibliográficos en case que 200 novos exemplares, todas elas novidades literarias das que o 30% están escritas en lingua galega. Unha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, fixo posible a adquisición destes novos títulos para a biblioteca mosense

A concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, acompañada polos técnicos da Biblioteca Municipal de Mos, sita na Porteliña parroquia de Petelos, recepcionou esta mañá preto de 200 novos exemplares de libros para uso e disfrute dos socios e socias da mesma, tanto nas propias instalacións coma a modo de préstamo temporal.

Os novos títulos puideron ser adquiridos pola administración local gracias á concesión dunha subvención da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dirixida ás bibliotecas ou axencias de lectura públicas municipais integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, tal é o caso da de Mos. A edil Sara Cebreiro declaraba hoxe satisfeita que “con esta axuda da Xunta puidemos mellorar considerablemente a colección bibliográfica da nosa Biblioteca Municipal”, dixo a concelleira.

A subvención tratábase dunha axuda plurianual correspondente ós anos 2015 e 2014. O importe total ascende a 2.214,54 euros, correspondendo 1.107,27 euros por ano.

Por tal cantidade mercáronse 164 libros, exemplares de últimas novidades en narrativa para adultos, infantil e xuvenil elixidas en base ás peticións dos propios usuarios e usuarias da Biblioteca. Un 30% do total destes libros é literatura en galego e os títulos foron elixidos de entre a lista de lecturas obrigatorias no Instituto de Mos para os alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria, ESO, e Bacharelato.