O Pavillón Óscar Pereiro e a Piscina de Mos reabren o luns

O Concello de Mos está a ultimar detalles das obras de mellora integral das instalacións deportivas do Pavillón Óscar Pereiro que albergan a Piscina Municipal. Os traballos, segundo confirma o Concello, están xa rematados e as dependencias prácticamente listas para a súa reapertura ó público o vindeiro luns, 18 de setembro.

Na mañá de hoxe a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Deportes, Baldomero Lorenzo, e o tenente alcalde e edil de Contratación e Facenda, Alberto Méndez visitaron as obras para comprobar o seu estado. A reforma integral do Pavillón «Óscar Pereiro» requeriu dunha inversión de preto de 200.000 euros dos que a Deputación subvencionou as tres cuartas partes con cargo ao Plan de Obras e Servizos e o importe restante asumiuno a administración local mosense con fondos propios.

pavillon oscar pereiro obras fin 02

A parte do proxecto que recibiu a axuda provincial de 130.904,73 euros incluiu a construción de novos vestiarios, reparación de humidades no ximnasio e reparación da cuberta da piscina.pavillon oscar pereiro obras fin 04

Pola súa banda o Concello, coa súa aportación económica duns 50.000 euros, mellorou todo o cuarto de caldeiras que se atopa na parte inferior do edificio, substituíndo os depósitos antigos de auga quente por dous novos depósitos acumuladores de 1.500 litros de capacidade cada un e modificando o sistema de control da auga ─tanto na entrada como na saída dos depósitos─ para realizar un control máis exhaustivo da temperatura da auga.

Tamén asumiu a administración local a renovación de parte da instalación de fontanería, concretamente dende a sala de máquinas ou cuarto de caldeiras ata as duchas; así como a nova instalación de climatización, a dotación de mobiliario para a piscina que inclúe bancos, percheiros, etc e a reparación de varias máquinas ou aparatos de exercizos do ximnasio.

Cómpre salientar que aproveitando todas estas obras descritas melloráronse tamén as condicións de evacuación contra incendios do edificio.

Todos os traballos foron considerados como de "gran importancia" por parte dos representates municipais por tratarse estas dunhas instalacións deportivas cunha enorme afluencia de usuarios, moitos deles nenos e nenas e nais e pais en horario de tarde.