Presentada a segunda edición do programa cultural «Vive o Camiño en Mos»

O Pazo de Mos foi o escenario elixido para a presentación da segunda edición do programa cultural «Vive o Camiño em Mos», que botaba andar no pasado ano e que neste 2018 volve cargado de actividades culturais para todos os gustos. A presentación estivo presidida pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, á que acompañaban a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro e membros da Mesa do Camiño do concello de Mos.

Tanto a alcaldesa como a concelleira de Cultura, salientaron que “dende o Concello de Mos e xunto co tecido asociativo do municipio configuramos a programación Cultural «Vive o Camiño en Mos», que consistirá en varias citas enmarcada ao longo do Camiño de Santiago e que se desenvolverán dende abril e ata decembro". O obxectivo principal, sinalaba Arévalo, é "a potenciación do Camiño de Santiago ao seu paso por Mos e o fomento da cultura”.

A iniciativa retómase logo dos bos resultados acadados pola edición do pasado ano 2017. Nidia Arévalo e Sara Cebreiro explicaron, na presentación, que “todas estas actividades que levaremos a cabo pretenden ser unha homenaxe tanto ao Camiño como á rosa, esta bela flor representativa do noso Concello e da cal posuímos exemplares fermosísimos”.

“Este é un programa para todos os públicos e xeracións”, destacaron, “ofertando actos culturais e lúdicos: concertos, teatro, exposicións, actividades de lecer e o reparto tamén de rosais ós propietarios das casas que se atopan á beira do camiño para que os pranten e embelecer e adornar de este xeito os peches das súas propiedades, e que os peregrinos poidan gozar da contemplación destas fermosas flores, símbolo do Concello de Mos e do noso escudo”.

Programa cultural
O sábado 28 de abril ofertarase unha sesión de conta contos ás 11:30 horas na Librería Raquel. A activade incluirá tamén maxia e o obxectivo da mesma é promover a animación á lectura con motivo da conmemoración do Dia do Libro que se celebra o 23 de abril. E concerto de pandeiretas Arume ás 21.00 horas no Pazo de Mos que estará incluído dentro do programa cultural “ultimo sábado de mes” de música, danza, teatro, humor....

O sábado 12 de maio realizarase unha andaina ecolóxica, baixo o título de “ReciclaMos no Camiño”, polo tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Mos. Sairase da Capela das Angustias na parroquia de Sanguiñeda ás 10.00 horas da mañá e o horario previsto de chegada será ás 13.00 horas. Esta iniciativa conta coa colaboración de EVD Galicia (Escravas da Virxe Dolorosa).

O domingo 13 de maio chegará o Festival de Canción Galega ASOMAMOS ás 19.00 horas no Pazo de Mos.

O sábado 26 de maio levarase a cabo un obradoiro de elaboración de obras de arte a partir de material de reciclaxe recollido na andaina “ReciclaMos no Camiño”. Será nas instalacións do albergue de peregrinos da Veigadaña de 10.00 horas a 13.00 horas. Para esta actividade cóntase coa colaboración da A.V.V. Veigadaña e de EVD Galicia. Tamén haberá un concerto de “Os Silandeiros” da Escola de Música de Torroso ás 22.00 horas no Salón de Actos do Pazo de Mos, tamén incluído na actividade dentro do programa cultural “último sábado de mes” de música, danza, teatro, humor....

O xoves 31 de maio impartirase a conferencia “Salvemos o Planeta” a cargo de Chus Lago e Vero Romero (alpinistas). Será ás 21.00 horas no Pazo de Mos.

O domingo 17 de xuño terá lugar al longo de todo o día o festival infantil Canto Conto que se celebrará nos exteriores do Pazo de Mos e incluirá Festa da Escuma. A organización correrá a cargo das Maimiñas e da Editorial Galaxia.

O domingo 24 de xuño celebrarase o Festival de Corais Memorial “Constante Lago” a partir das 19.00 horas no Pazo de Mos.

O venres 31 de agosto e o sábado 2 de setembro chegará a IV edición do Festival o Son do Pazo. Será nos exteriores do Pazo de Mos a partir das 22.00 horas organizado polo Círculo Cultural Santa Eulalia de Mos.

O domingo 16 de setembro celebrarase o aniversario da A.V.V. Chan do Bosque de Amieirolongo. Contará con animación infantil no local de Chan do Bosque a partir das 18.00 horas e tratarase dun evento organizado pola propia Asociación.

O sábado 22 de setembro celebrarase o II evento de Perruquería Solidaria a favor de AECC e ASODIFISI ao longo de todo o día nos exteriores do Pazo de Mos.

O sábado 29 de setembro haberá un concerto gratuíto de Patinamá nos exteriores do Pazo de Mos. Comezará ás 22.00 horas e estará incluído dentro do programa cultural “último sábado de mes” de música, danza, teatro, humor....

O sábado 29 de setembro e o domingo 30 de setembro celebrarase o I Encontro Nacional de Ferrocarril Escala N no pavillón Patricia Martínez ao longo de todo o día.

O domingo 30 de setembro, dentro do programa municipal Ocio en Familia, terá lugar o concerto “Estamos no Verán” con Xoan Curiel e Chato Pita. Será a partir das 17.00 horas na Carballeira de Santiaguiño.

O domingo 21 de outubro celebrarase a Festa do Codillo a partir das 11.00 horas nos exteriores do Pazo de Mos organizada polo Círculo Cultural Santa Eulalia de Mos.

Do 22 ao 28 de outubro serán as tradicionais Xornadas Micolóxicas do Concello de Mos. E en novembro o Ciclo de Cine Galego os sábados 4, 11, 18 e 24 ás 22.00 horas no auditorio do Pazo de Mos.

En decembro, o sábado día 22, chegará o Certame de Rondallas que se realizará a partir das 16.30 horas nos exteriores do Pazo de Mos.

O sábado 30 de decembro celebrarase a Festa Pre Fin de Ano do Concello de Mos a partir das 23.00 horas nos exteriores do Pazo de Mos.

Ao longo tamén do mes de decembro o clásico Belén Solidario poderá contemplarse na sala de exposicións do Pazo de Mos.