A «Turre’s Band» de Mos, finalista nos «V premios Martín Codax da Música»

Na gala celebrada o pasado mércores a «Turre’s Band» de Mos, foi seleccionada polos socios de músicos ao vivo como unha das tres agrupacións finalistas, de entre trece bandas diferentes de toda Galicia, na sección de reggae/ska/mestizaxe para os Premios Martín Códax da Música na súa quinta edición. O día 9 de maio celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra a final na que se coñecerá o nome dos gañadores.

A «Turres’s band» nace no ano 2001 no seo da banda de Música Xuvenil de Torroso. Dende aquela ten recorrido toda a xeografía galega, ademais da portuguesa e española, en diferentes festivais, festas e eventos. Tamén editou dous discos Algho hai e A última verbena.

Actualmente conta con catorce compoñentes: Diego Cabaleiro (saxo alto), Rubén Porto (saxo tenor), Javier Romero (trompeta), Pablo Soteliño (trompeta), Manuel Castro (clarinete), Jose María Costas (trombón), Adrián Sousa (trombón), Juan José Penas (trombón), Francisco Valcárcel (bombardino), Gabriel Porto (trompa), Gustavo A. Barcia (baixo), Gustavo Barcia (tuba), Ricardo Gonzalez (batería) e Camilo Martínez (percusión).

A actividade musical da «Turre’s Band» continua con diferentes actuacións nas seguintes datas o 28 de abril na XIV Foliada de Melide e xa en maio o día 12 darán un concerto na sala O Rebullón en Mos xunto con máis grupos e tamén actuará no famoso Festival de Títeres de Redondela do cal a agrupación é unha invitada habitual.