Festival benéfico de axuda ao desafiuzado

Porriño será escenario dun festival benéfico de axuda aos desafiuzados nunha iniciativa que pretende recadar fondos para as familias que están pasando por un dos momentos máis dramáticos das súas vidas, como é o de perder a súa casa.

O festival, que se desenvolve baixo o lema “Divertíndote, colaboras” terá lugar no Pavillón de Deportes 2 do Porriño o vindeiro sábado 11 de xullo e, dende as seis da tarde, contará con actividades para nenos e maiores.

Haberá actuacións do Payaso Popín que ofrecerá unha sesión de maxia para todos, Peppa Pig, inchables, colchonetas e futbolín. Amais, para os máis cativos, haberá un concurso de karaoke, se ben, neste caso e por motivos de organización, é precisa unha inscrición previa gratuíta no teléfono 674 677 442.

Xa a partir das 22:00 horas, actuarán o Cuarteto de Cuerda; Gossip Bufon (só para adultos), Grupo Vox e Hip Hop “Dzero”.

A entrada para este festival solidario como hai poucos, será de 3 euros para os adultos e un euro para os nenos e nenas. Salientar que ao rematar o acto terá lugar un sorteo de agasallos, algúns deles doados de xeito totalmente altruísta polo cantante Sergio Dalma. Os sorteos faranse ata que aparezan os gañadores.