'Semana pola Memoria' da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño-Louriña

O pasado venres presentábase, no Círculo Recreativo Cultural do Porriño, a programación da 'II Semana pola Memoria', iniciativa organizada pola comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño-Louriña. Na presentación destas actividades, que se desenvolverán entre o 6 e o 14 de abril, estiveron presentes representanes dos distintos concellos implicados na programación destas xornadas.

Ata oito actos repartiránse nos diversos lugares escollidos pola Comisión, que comezarán cunha palestra de Xosé Álvarez sobre 'O Ensino na República' que se desenvolverá no Centro Goianés, e rematarán cunha homenaxe na Volta da Moura, en memoria dos alí fusilados.

O luns 8 de abril, na Casa dos Alonsos da Guarda ás 20 horas, terá lugar o relatorio de Juan Soto baixo o título 'Bienio negro. Eleccións febreiro do 39 e comezo do Golpe de Estado'. O martes 9 de abril, Xosé Álvarez repetirá o seu relatorio 'O ensino na II República' pero desta volta ás 19:30 horas no Centro Cultural do Porriño.

O mércores 10, Xosé Ramón Pousa, falará sobre 'A fuga do Forte de San Cristóbal' nun acto que terá lugar ás 20 horas na Casa da Cultura Castelao en Salceda de Caselas. Ao día seguinte, Xoves 11 de abril, o Balneario de Caldelas, en Tui, será escenario da presentación do libro '1.306/36' de Fernando Salgado.

Xa o venres 12, ás 20 horas, o Auditorio Municipal de Salceda de Caselas acollerá a presentación doutro interesante libro, desta volta será o titulado 'Salceda de Caselas Republicana–1936' de Quico Paz Antón.

O sábado 13 ás 18 horas, en Tebra, Tomiño, desenvolverase un acto en memodia dos fusilados e o domingo 14 de abril, ás 12:30 horas en na Volta da Moura, en Tui, celebrarase un acto de Conmemoración da II República.