Eva García insta á Xunta a retomar o plan de descontaminación do lindano

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, enviou unha carta dirixida a Angeles Vázquez Mejuto, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, solicitandolle crear unha comisión técnica entre Concello de Porriño e Xunta de Galicia para "retomar o plan de descontaminación do lindano". A carta tivo data de entrada na Consellería o pasado 28 de marzo e, segundo o Concello do Porriño, "ainda non houbo resposta".

Eva García de la Torre expón na súa misiva "as recentes novas sobre novos achados que presuntamente corresponderían a lindano na zona de Torneiros" e lembralle á conselleira que “trátase dunha actuación que ven demandando o Concello de Porriño dende que en 2017 apareceron verquidos de lindano nas obras de saneamento que realizabamos na citada parroquia”. Finalmente Eva García engade na súa carta á conselleira que “entendemos dende o Concello de Porriño que nos corresponde a ambalas dúas administracions actuar en consecuencia de xeito coordinado”.