Palco do Cristo, restauración e concerto

O Concello do Porriño deu por rematados os traballos de recuperación dunha das súas máis emblemáticas construcións como é o Palco da Música do Parque do Cristo. Agora, tralas obras de restauración, luce como nos seus mellores tempos e a Banda de Música Municipal do Porriño, para celebralo, ofrecerá un concerto o vindeiro domingo, 29 de marzo, a partir das 13 horas.

O paso dos anos, a climatoloxía do Porriño e o desgaste dos seus materiais, fixeron que o coñecido como Palco do Cristo, estivera bastante deteriorado sobre todo no que fai referencia á estrutura da cuberta. Debido ao seu estado, o Concello do Porriño procedeu a súa recuperación, contando co preceptivo informe favorable da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Pontevedra e en base a unhas pautas marcadas por un estudo técnico.

O templete, que ocupa un lugar predominante no Parque do Cristo dende comezos do pasado século XX, foi doado ao pobo do Porriño por un dos seus grandes mecenas, don Servando Ramilo Nieves.

O alcalde do Porriño, Nelson Santos, sinalaba a importancia deste Palco que é “unha das obras máis representativas da nosa vila dende o punto de vista arquitectónico, urbanístico e histórico”. O rexedor porriñés salientaba o feito de que, amais de formar parte do patrimonio material e cultural do municipio “foi escenario da historia persoal de moitos veciños e veciñas do Porriño”.

Santos asegurou que dende o Concello “asumimos a grande responsabilidade de manter nosos bens patrimoniais en perfecto estado de conservación para que tamén poidan formar parte dos recordos das futuras xeracións de porriñeses”.

Un investimento de máis de 46.000 euros
As actuacións de restauración do Palco da Música do Parque do Cristo, centráronse sobre todo na parte máis danada, como era a estrutura da cuberta que se atopaba fora de servizo ao estar moi deteriorada pola corrosión. Así pois retirouse completamente para a súa posterior reconstrución, tamén en aceiro, seguindo o mesmo esquema de sustentación orixinal.

Do mesmo xeito procedeuse á retirada e posterior reconstrución das chapas da cuberta, que estaban visiblemente danadas é a colocación dun falso teito de madeira, reproducindo á súa configuración orixinal. Tanto a base do palco, construída en granito, como os piares, estaban en bo estado polo que tan só fixo falta proceder a súa limpeza de cara a mellorar a súa presenza.

Finalmente, no que fai referencia á ornamentación, as pezas da coroa ornamental estaban fora da súa posición debido ao deterioro da cuberta e, incluso, desapareceron algunhas delas, polo que se procedeu á retirada, limpeza e recolocación de cada unha das dezaseis pezas que a conforman e do remata en forma de lira que coroa o palco, así como colocar unha copia en fundicion daqueles elementos perdidos.