Porriño pecha marzo con 51 desempregados menos

Porriño pechou o pasado mes de marzo con 51 desempregados menos, volvendo rexistrar así un descenso do número de parados, que cae un 2,1% con respecto ao mes de febreiro. Segundo botan as cifras publicadas polo SEPE, a taxa de desemprego en Porriño sitúase no 15,86% cun total de 2.329 veciños en situación de desemprego. Así, nos últimos dous meses foron 163 as persoas que se deron de baixa como demandantes de emprego no noso municipio.


Estes resultados, os segundos máis baixos dende outubro do 2011, evidencian a eficacia das diversas iniciativas en materia de emprego e formación postas en marcha polo Concello de Porriño, a través da Concellaría de Emprego e Formación que dirixe M. Alejandro Lorenzo, e é que o mercado laboral no noso municipio a nosa, paulatinamente e de xeito constante, unha notable melloría.

"Rexistramos unhas cifras que, malia ser moi positivas e alentadoras, non son suficientes. Reducir o volume de parados ao mínimo é unha cuestión absolutamente prioritaria para o Concello, que continuará dirixindo todos os seus esforzos á xeración e fomento de emprego", subliñou o alcalde, Nelson Santos. Con tal motivo, o Concello de Porriño a través do Plan Municipal de Emprego 2015 destinará preto de medio millón de euros a impulsar o emprego co propósito de lograr que os veciños de Porriño desenvolvan a súa vida diaria nun marco de pleno emprego a través do exercicio dun posto de traballo de calidade.