O Porriño reafirma o seu compromiso co Festival de Cans

Keka Iglesias, Nelson Santos e Alfonso Pato na sinatura do convenio Keka Iglesias, Nelson Santos e Alfonso Pato na sinatura do convenio

O alcalde de Porriño, Nelson Santos, a presidenta da asociación cultural Arela, Keka Iglesias, e o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, formalizaron esta mañá a renovación do convenio de colaboración co que o Concello de Porriño avala e apoia novamente este afamado evento.

Xa no ano 2010, o Concello asinou un acordo con Arela, asociación responsable da organización do festival, no que, ademais da achega económica, se recollía a cesión de infraestruturas e servizos, cunha duración de catro anos. Unha vez transcorrido este período, procedeuse á renovación do convenio, incrementando nun 50% a achega económica, pasando esta dos 10.000 aos 15.000 euros, cantidade que se mantén nesta ocasión.

"Fixemos un importante esforzo por manter a partida destinada ao Festival de Cans, pero consideramos que, como administración local, debemos contribuír a que esta festa do cine e a cultura se siga celebrando no noso municipio", explicou o rexedor, "dende o Concello de Porriño apoiaremos sempre este evento, que conseguiu facer soar o nome de Porriño non só en Galicia, senón en España e mesmo a nivel internacional".
Dende o Concello ademais, contribúese e colabora en cuestións de seguridade e tráfico, así como na limpeza e acondicionamento das diferentes zonas en que se celebrará o Festival.