O Concello do Porriño ultima o dispositivo de seguridade para o festival de Cans

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, presidiu este xoves unha xuntanza de cara coordinar o dispositivo de seguridade que estará operativo durante os días nos que se desenvolva o Festival de Cans, entre o 24 e 27 deste mes de maio. Na reunión estiveron presentes, amáis da alcaldesa, o tenente de alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Manuel Carrera; a concelleira de Seguridade, Lourdes Moure; o concelleiro de Limpeza, Orlando Mázquez, o director do Festival de Cans, Alfonso Pato; o xefe da Policía Local, Florencio Porto e o responsable de voluntarios de Protección Civil do Porriño.

Eva García de la Torre, na reunión, lembrou que o Concello do Porriño, ademais da achega de 18.000 €, repetindo a maior cantidade que o festival recibiu das arcas locais na historia, asume tamén o traballo de garantir a seguridade das máis de 11.000 persoas que se agarda que se acheguen á vila para asistir a este certame.

O Concello asume, entre outros cometidos, o Servizo de Autobús Especial na Ruta: O Porriño–Pavillón–Restaurante Guanabara–Rotonda Cans (ida e volta), unha distancia total de 3,5 quilómetros con catro paradas: Fronte Cafetería Porriño ─a antiga Maroma─ diante do Pavillón, no restaurante Guanabara e na Rotonda de Pedra de Cans, o venres de 6 da tarde a 4 da mañá e o sábado,día 27, de 9 e media da mañá a 4 da mañá, cunha frecuencia de 15-20 minutos.

Tamén se realizará, por parte dos servizos municipais, a limpeza e acondicionamento da zona central de Cans: Rotonda do Can, zonas aparcadoiro na entrada da Adroza e á beira do Bar Fortes, rozar de silveiras e herbas camiños por onde transitará o público, zona da Casa da Mestra, acceso á leira de Alicia (jalpón friki), Camiño do cemiterio, camiño do cruceiro ata o Castillo, Parque do Río; a limpeza específica de herbas e deixar pelado ben o valado da explanada de terra da entrada.

Os servizos de limpeza estarán presentes no torreiro de Cans os días do festival; a primeira hora da mañá do sábado 27 de maio, e do domingo 28 de maio, e coloca contedores de lixo extra na zona do torreiro, no espazo do río e na nova zona dos nenos e retira o escombro no camiño baixada ao río.

Así mesmo, á marxe da instalación de potencia de electricidade extra, a colocación de planchas de aceiro para cubrir o rego da cuneta no fronte da zona da Casa da Mestra e no recinto utilizado para vehículos organización, e Unidades Móbiles de radio e televisión, o Concello acomete a colocación de catro palcos: dous na Praza de Antonio Palacios, outro no Torreiro de Cans e un máis no bulevar.