Eva García cualifica de “infamia” o ataque ao monumento da «Volta da Moura»

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, xunto co alcalde de Salceda, Marcos Besada; o exalcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; responsábeis da «Asociación Levada Libre» e familiares das veciñas e veciños asasinados polo exército franquista, denunciou este xoves o ataque sufrido polo monumento erixido o pasado mes de agosto na «Volta da Moura» para lembrar aos republicanos represaliados días despois do Golpe de 1936.

García de la Torre cualificou de “infamia” o ataque á escultura, realizada polo artista Marcos Escudero e no que se lembra a loita pola liberdade e a defensa da democracia, da legalidade e das institucións republicanas dos veciños do Porriño Víctor Valverde Mayo, oficial primeiro do Concello do Porriño; Domingos Carpintero, Juan Grova, Marcelino Rey e Demetrio Pérez Mayo, gardas municipais; Adolfo Pérez Mayo, Juan Carpintero e Daniel Pérez Sebes, vixiantes de arbitrios, e Luciano Baladrón, porteiro, todos eles axustizados logo de ser sacados pola forza das súas casas e levados ata a «Volta da Moura» en dúas quendas.

A alcaldesa, que amosouse dacordo co rexedor de Salceda, que subliñou que “somos herdeiros dos valores da República” e de Enrique Cabaleiro, quen lembrou que o monumento puxera en valor “a memoria das persoas que deron as súas vidas pola liberdade”, púxose a dispor dos familiares e da Asociación Levada Libre para que o mesmo lugar sexa un espazo emblemático de defensa dos valores democráticos e da convivencia.

Pola súa banda, o representante de «Levada Libre», logo de citar a Nelson Mandela afirmando que “é máis doado ensinar a amar que ensinar a odiar”, propuxo deixar o lugar coma o deixaron os que o atacaron, para que se saiba que os herdeiros dos que mataron, seguen odiando, engadir un caixón, coma unha caixa para o correo, no que “quen queira insultarnos o poda facer e se quere poñer o seu nome”, pediu plantar no lugar tres oliveiras, cada unha delas procedente dos concellos do Porriño, Salceda e Tui, e adiantou o proxecto de facer unhas xornadas, con historiadores especialistas na II República, para que conten a verdade do que aconteceu dende 1936.