salceda 2017

O PSOE de Salceda aposta "pola industria local, o comercio e o emprego"

Os socialistas de Salceda, consideran esencial para o futuro da localidade o apoio á industria local e ó pequeno comercio. Cremos desde o PSdeG-PSOE –asegura a súa candidata á Alcaldía, Verónica Tourón– "nunha Salceda que sexa unha vila para vivir e traballar, non unha vila dormitorio onde a xente teña que desprazarse para ir mercar e traballar, quedando deserta durante o dia".

O PSOE de Salceda considera fundamental "o apoio ó pequeno comercio", porque, dí Tourón, "é o que realmente dá vida ás nosas rúas, de nada serven humanizacións se as rúas se quedan valeiras e sen ningún atractivo que anime a visitalas".

"Queremos darlle a Salceda unha marca comercial que potencie o comercio de proximidade e sexa referente para os produtos elaborados na localidade. Promoveremos un Gabinete Técnico de apoio ó comercio local e impulsaremos a realización de feiras e congresos na nosa localidade. Usaremos as redes sociais e internet para axudar a dar a coñecer e impulsar os comercios e industrias de Salceda. Ademais crearemos un laboratorio de ideas, unha bolsa de proxectos empresariais para a promoción do emprendemento", asegura a candidata socialista quen tamén fai referencia ao Polígono do Cerquido "esencial tamén na nosa estratexia para unha Salceda de futuro".

Nese senso, Verónica Tourón considera "indispensable" darlle apoio legal, impulsar e ordenar unha area industrial "saída case da nada e que dá traballo a moitas e moitos salcedenses. Salceda precisa chan industrial para que as nosas empresas se desenvolvan, poidan crecer e xeren postos de traballo".

O progreso de Salceda "precisa innovación" polo que propoñen un proxecto de colaboración coa Universidade "para mellorar o I+D+i da industria e comercio salcedense", ao mesmo tempo que buscarán colaboración "deseñar Proxectos de Excelencia, Investigación e Desenvolvemento das Actividades Agroalimentarias e Enolóxicas, non podemos esquecer a orixe agraria de Salceda, nin deixar de lado a capacidade dos nosos terreos para a produción vinícola, hortícola e inclusive de aceite".

"Salceda ten capacidade para dar traballo a moitos dos seus veciños e veciñas", remata a candidata do PSOE e “os Socialistas de Salceda temos un proxecto ambicioso para a nosa localidade, poñendo as potencialidades de Salceda ó servizo da súa veciñanza, a través da innovación e centrando esforzos no impulso do emprego, a industria e o comercio para dinamizar a economía da nosa vila”.