salceda 2017

MS e PSdeG-PSOE asinan o acordo para o Goberno do Concello de Salceda

Verónica Tourón, á esquerda e Loli Castiñeira, asinan o acordo de Goberno Verónica Tourón, á esquerda e Loli Castiñeira, asinan o acordo de Goberno

Loli Castiñeira (Movemento Salceda) e Verónica Tourón (PSdeG-PSOE) asinaron o acordo de Goberno para o Concello de Salceda de Caselas que, tal e como xa se adiantou tras o pleno de investidura, terá unha alcaldía rotatoria iniciando o mandato Loli Castiñeira e continuando a socialista Verónica Tourón dentro de 2 anos.

Ámbalas dúas formacións estableceron tamén a distribución de áreas e responsabilidades quedando, por parte de Movemento Salceda, Loli Castiñeira, ademáis de alcaldesa, como responsable de Persoal, Igualdade e Coordinación de Proxectos; Alex Rodríguez, Cultura, Festexos, Normalización Lingüística; Asociacionismo, Novas Tecnoloxías, mocidade e Patrimonio; Miguel González, Vías e Obras, Parques e Xardíns e Servizos Municipais e Mobilidade e Lucía Pereira, Facenda, Réxime Interior, Seguridade e Tráfico e Turismo.

Pola súa banda o PSdeG-PSOE dirixirá as áreas de Urbanismo, Comercio e Industria, Participación Cidadá, Emprego e Formación que serán responsabilidade de Verónica Tourón; Ángela Ledo farase cardo de Ensino, Infancia, Benestar Social, Sanidade e Voluntariado e, finalmente, Rubén González será concelleiro de Deportes, Medio Ambiente e Medio Rural.

O acordo, ademáis, recolle as liñas estratéxicas fundamentais para o Goberno de coalición establecento, por unha banda, o compromiso de iniciar de inmediato os trámites para someterse á Mediación laboral, tal como xa se comprometera o equipo de goberno de Movemento Salceda ao igual que o PSdeG ante os representantes sindicais antes das eleccións. MS e PSdeG acordaron tamén sacar adiante en paralelo a RPT e o Convenio Colectivo.

Por outra banda o equipo de Goberno iniciará os traballos para aprobar os orzamentos de 2019 canto antes. Asi mesmo o pacto de goberno recolle a elaboración de Orzamentos participativos a partires do ano 2020. MS e PSOE asinaron este acordo, no que se reflexan moitos puntos entre os que se atopan as medidas anteriores e outras que se irán pondo en marcha ao longo da lexislatura, co obxetivo fundamental de crear un goberno forte, compacto, leal e que traballe en equipo, nunha situación de maioría que lles permita seguir co proceso de cambio e transformación de salceda iniciado no ano 2007.