Logo
Imprimir esta página

Medio cento de persoas, na Ruta do Viño Rías Baixas nas Neves

A Ruta do Viño Rías Baixas, incluída no Club de Produto das Rutas do Viño de España, completou onte unha xornada de sendeirismo «Camiñando entre Viñedos» nas Neves, cita á que acudiron un total de 50 persoas chegadas de distintos puntos da provincia. O percorrido comezou na adega asociada Señorío de Rubiós, onde os asistentes percorreron as instalacións á vez que se lles explicaba o traballo desenvolvido nesta empresa.

Desde este punto comezou a actividade que trasladou aos asistentes polas paisaxes da subzona de Condado do Tea. Viñedos, bosques e muíños restaurados conformaron a paisaxe percorrida polos participantes nesta actividade, que completou as súas prazas días antes da celebración. O punto final do itinerario foi a adega asociada á Ruta do Viño Rías Baixas Viña Nora. Alí tamén se ofreceu unha breve visita guiada polas instalacións para dar a coñecer a filosofía e o labor desenvolvido nesta empresa.

Finalmente, os 50 participantes foron trasladados ao recinto feiral para gozar dun aperitivo á vez que visitaron a «XIII Festa do Tinto Rías Baixas» das Neves. Desde a Ruta do Viño Rías Baixas mostráronse "moi satisfeitos pola excelente acollida desta nova xornada de sendeirismo entre viñedos".

A «Asociación Española de Ciudades del Vino» ( ACEVIN) coordina e desenvolve o proxecto e a marca «Rutas del Vino de España» desde o ano 2001, un club de produto de turismo enolóxico apoiado polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a Secretaría de Estado de Turismo e o Instituto de Turismo TURESPAÑA que se converteu nun referente a nivel nacional e internacional. O club está formado actualmente por 28 destinos enoturísticos localizados por toda a xeografía nacional potenciando os viños e a gastronomía de cada territorio, o traballo en rede, o turismo sustentable e a colaboración público privada.

Actualmente, agrupa a máis de 550 municipios e máis de 2.000 empresas (600 das cales son adegas) e recibe máis de 3,2 millóns de visitantes anuais nacionais e internacionais, experimentándose un crecemento á alza nos últimos anos.

© 2015 Comarcasnarede.es Todos los derechos reservados