A Deputación anova a contorna de Santa Marta de Ribarteme

A contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme, no concello de As Neves, mudará por completo a súa fisonomía e converterase nun espazo "moderno, atractivo e deseñado a escala humana, atendendo ás necesidades sociais tanto da veciñanza como de visitantes". De feito, a veciñanza xa puido ver este mediodía unha recreación do gran cambio que sufrirá esta área nun encontro encabezado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde da localidade, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, e o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez.

A actuación inclúe un novo pavimento, rugoso e con diferentes franxas de lastras e bandas de pedra, luminarias led en diferentes elementos da contorna, iluminación das fachadas da igrexa, mellora de drenaxe, e zonas de descanso e de miradoiro, o que ofrece como resultado un espazo totalmente anovado, confortable, amable e en consonancia coas demandas da sociedade actual.

Precisamente, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, salientou a importancia deste proxecto, no que se van investir preto de 200.000 euros, e fixo fincapé na especial significación desta contorna cualificándoa como “un lugar moi especial para As Neves e para a provincia de Pontevedra”, no que cada ano se concentran milleiros de persoas para acudir á multitudinaria romaría de Santa Marta de Ribarteme. Unha idea na que tamén incidiu o alcalde da localidade, Xosé Manuel Rodríguez, asegurando que “este emprazamento actúa a modo de escaparate internacional do noso concello a través da romaría pero ata o de agora foi un espazo que estaba desatendido” e neste sentido celebrou que “esta actuación, en consonancia cos criterios de Mobilidade da Deputación de seguranza e de dar prioridade ás persoas, vainos permitir conxugar os intereses colectivos cunha mellora estética e funcional do espazo”.

O proxecto é, en palabras do deputado de Mobilidade, Uxío Benítez “un exemplo de como acometemos as actuacións nas estradas provinciais, tendo en conta a contorna e o patrimonio, e adecuando as actuacións ao territorio e non ao revés”. O deputado nacionalista, acompañado polo xefe dos servizos técnicos de Mobilidade, Francisco Alonso, explicoulle polo miúdo á veciñanza as actuacións que se acometerán. O principal obxectivo, segundo indicou Benítez, é o de calmar o tráfico e mellorar a seguridade e a mobilidade peonil, que incluirá unha praza frontal á igrexa pavimentada con lastras e bandas de pedra, creando un pavimento de zonas rugosas diferenciadas que tamén actuarán como redutores de velocidade. Neste espazo, a velocidade limitarase a 30 quilómetros por hora, aproveitando ademais que xa se colocaran, ao abeiro do Plan Móvese, redutores físicos de velocidade nos accesos a esta zona.

santa marta ribarteme 2018 02

Outra das características da actuación é que no deseño desta praza se dilúe a traza da estrada ─trátase da EP-4201─ para acadar unha convivencia harmoniosa entre as persoas e o tráfico de vehículos. Inclúe, por tanto, a mellora da drenaxe e a corrección das dúas ramplas de acceso ao adro desde a estrada para mellorar a accesibilidade á igrexa e ao cemiterio. Tamén se renovará a iluminación, deseñando luminarias específicas de balizamento sobre o pavimento, luminarias led pegadas aos muros de pedra, e tiras de led encaixadas nos bancos. Tamén está previsto iluminar as fachadas da igrexa mediante proxección, e instalar proxectores led para a imaxe granítica da virxe sobre o muro de contención. Ademais deseñaranse zonas de descanso, que inclúen a colocación de bancos con e sen respaldo, e unha zona de miradoiro. “Este proxecto está especificamente deseñado para potenciar o patrimonio desta zona, tanto o valor arquitectónico desta igrexa parroquial como toda a contorna natural que a rodea, e facilitar que as persoas poidades gozar de toda esta área, sexa nos ámbitos festivos e de lecer sexa nos desprazamentos da vosa actividade diaria e cotiá” afirmou Uxío Benítez ante a veciñanza.

Unha contorna axeitada para unha romaría singular
Este domingo 29 de xullo, a igrexa de Santa Marta de Ribarteme volverá acoller a súa famosa romaría na que será a última cita no actual escenario tal e como se coñece nos últimos anos, posto que na vindeira edición xa estará a contorna acondicionada. O proxecto, que neste momento está en fase de licitación por parte da Deputación, terá un prazo de execución de tres meses logo do inicio dos traballos.

Sobre o gran número de visitantes e tamén de profesionais dos medios de comunicación que acoden a esta cita, nomeadamente fotorreporteiros, falou o alcalde das Neves, asegurando que a reformulación do espazo “permitirá acoller a toda a afluencia de persoas que se achegan aquí nesta data tan sinalada e desde un punto de vista plástico e fotográfico poderemos ofrecer unha contorna máis modernizada e máis segura”. Neste eido, a presidenta recordou que a romaría de Santa Marta é unha das máis ancestrais de Galiza, cunha tradición que se remonta ao século XII, e na que se simboliza a vitoria da vida sobe a morte, “que ten unha pegada tan importante para a cultura galega”. Máis polo miúdo, Silva detallou o carácter único do festexo, polas cantigas de pregaria, pola procesión dos cadaleitos e polas persoas que camiñan descalzas ou axeonlladas co sudario ou mortalla. Xunto a estas cuestións, a presidenta tamén puxo en valor que o prestixioso xornal “The Guardian” catalogou á festa como a segunda máis singular do mundo (a primeira celébrase en Corea do Sur). Amais, Silva recordou que Santa Marta de Ribarteme protagonizou un documental de “The National Geographic Channel” e que a guía Lonely Planet inclúe á festa como unha das súas recomendacións de celebracións mundiais que se deben visitar en xullo.

“Por todas estas cuestións ─asegurou a presidenta da Deputación─ creo que era imprescindible actuar nesta contorna para facela máis accesible, facilitar a mobilidade e poñer en valor un espazo público de tanta importancia. Estou segura que esta nova infraestrutura vai dar aínda máis renome, se cabe, a unha romaría que fala das nosas tradicións e que é xa case imposible de superar”.