As Neves organiza un curso de poda en viña

O concello das Neves vén de organizar un curso de Poda en Viña e poda preventiva das enfermidades da madeira, para os vindeiros días 10 e 11 de febreiro. A actividade que terá un custe de 25 euros, ten as prazas limitadas a 40 participantes e inclúe unha parte teórica, nas Neves e outra práctica en Leiro.

O venres, 10 de febreiro, na aula do Auditorio das Neves, desenvolverase a parte teórica do curso, que correrá a cargo de Emilia Díaz, técnico da Evega (Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia) e da enxeñeira agrónoma, María del Pilar Martínez Diz. A actividade terá lugar entre as 18 horas e 20 horas.

O sábado 11 de febreiro, terá lugar o curso práctico, que terá como lugar de impartición as instalacións da Evega en Leiro, Ourense. As prácticas realizaranse entre as 9.30 horas e as 13:15 horas, correndo a cargo do capataz agrícola, Juventino E. Cerecedo. O autobús que trasladará ás e aos participantes ata Leiro, sairá dende o Auditorio das Neves ás 9 horas. Unha vez finalizadas as clases prácticas, os asistentes ao curso terán a oportunidade de participar nunha visita guiada ás Adegas Valdavia, S.L, situadas en Cuñas-Cenlle (Ourense). A visita guiada inclúe unha degustación dos seus viños e aperitivos.

Por motivos de operatividade as prazas están limitadas a coarenta participantes e para máis información e inscrición, os e as interesadas poden dirixirse aos teléfonos 686 978 607 ou 630 628 040.