Francisco Chivite, a volta dun veterano

Francisco Chivite Francisco Chivite

Despois de 10 anos Francisco Chivite volta a primeira liña da política local ao ter aceptado a proposta do consello local do Bloque de Mondariz Balneario para encabezar a lista que os nacionalistas presentarán nas eleccións de maio. A proposta foi tratada pola asemblea aberta celebrada este sábado no Pub Yago´s da vila Balnearia. Chivite da así relevo a Alicia Lorenzo, actual portavoz municipal que encabezou a proposta nacionalista nas dúas últimas convocatorias e que con toda probabilidade seguirá ocupando un posto de saída na candidatura que terá tamén unha importante presenza de mocidade.

O candidato de 55 anos reside en Mondariz Balneario dende hai 22, casado e con dous fillos exerce a profesión de veterinario como xefe dos servizos veterinarios oficiais de gandería da zona sur de Pontevedra.

Para o candidato nacionalista, "Mondariz Balneario precisa urxentemente un cambio positivo que imprima un novo impulso á vila, pondo en valor todos os nosos recursos".

O BNG advirte en todo caso que o cambio necesario non é posible só cun cambio de goberno, se non que resulta imprescindible a implicación de todas as veciñas e veciños, un cambio de actitude da cidadanía, por iso o programa de goberno elaborarase coa participación aberta da veciñanza, pois unha das liñas directrices será a recuperación dos valores democráticos, a participación directa e a autoorganización da sociedade.

A segunda liña troncal do programa serán as propostas de dinamización económica sustentable, encamiñadas á conversión de Mondariz Balneario nunha vila termal modélica, respectuosa co medio ambiente, referencia e escaparate para as producións artesanais e ecolóxicas do Condado e de Galiza.

Chivite asegura que "hai que poñerlle freo a tanta operación especulativa, urxe poñer en valor o conxunto arquitectónico e o medio natural onde nos asentamos”. É por iso que o candidato á alcaldía de Mondariz-Balneario polo BNG explica que “a auga debe xogar un papel primordial, mimando a conservación e valorización dos tres canles fluviais cos que contamos, o Tea, o Xabriña e o Valdecide, tamén as fontes e por suposto os xardíns do Gran Hotel, ameazados aínda polas pretendidas recualificacións"

A Francisco Chivite non lle doen prendas ao recoñecer algún aspecto positivo na xestión municipal dos últimos anos, "mais o proxecto xa hai tempo que está totalmente esgotado e isto se reflexa na perda de poboación e no estancamento económico que sufrimos" engadiu.