Novos composteiros da Deputación para Mondariz e Mondariz Balneario

Os técnicos do Plan Revitaliza explican á veciñanza os pasos para realizar a compostaxe no local da comunidade de montes de Toutón, Mondariz Os técnicos do Plan Revitaliza explican á veciñanza os pasos para realizar a compostaxe no local da comunidade de montes de Toutón, Mondariz

A Deputación de Pontevedra procedeu o pasado venres e onte sábado, ao reparto de novos composteiros individuais nos nos concellos de Mondariz e Mondariz Balneario, iniciativa que se desenvolvía ao abeiro do «Plan Revitaliza» co obxectivo de que toda a veciñanza dos dous municipios poida tratar os seus restos orgánicos (residuos de cociña e de xardín) mediante a compostaxe antes de finais de ano.

No concello de Mondariz a entrega de composteiros tivo lugar na parroquia de Toutón, no local da comunidade de montes, onde se deron cita veciños e veciñas propietarios de casas unifamiliares con finca. No concello de Mondariz Balneario o reparto foi onte sábado, ás 12.00 horas, no auditorio da planta baixa da Casa do Concello.

reparto composteiros xunho mb 02

Veciñas e veciños atenden as explicacións dadas polos técnicos no reparto dos composteiros no Auditorio do Concello de Mondariz Balneario

Segundo explica Estefanía Alfonsín, técnica de residuos da Deputación, "estase a citar por teléfono á veciñanza de xeito personalizado e agárdase ter un novo éxito de asistencia, como aconteceu en pasadas ocasións". Nos repartos, que incluirán tamén explicacións formativas sobre compostaxe estarán presentes tanto a equipa do Plan Revitaliza (mestras e mestres composteiros), un técnico da asociación ecoloxista Amigos da Terra (Gustavo Cochón), así como responsables municipais de cadanseu goberno local.

Na reunión entregouse a cada veciño e veciña un composteiro doméstico de exterior, un aireador, un termómetro analóxico e un manual de compostaxe. Na charla explicaranse os motivos polos que é importante a xestión do lixo a través do Plan Revitaliza da Deputación e cuestións prácticas do novo sistema de xestión dos residuos en ambas vilas, así como do funcionamento dos puntos verdes de intercambio de podas e estruturante.

O representante de Amigos da Terra (AdT) explicará cuestións xerais sobre o lixo, apuntando que máis da metade do que se produce nos domicilios é de tipo orgánico, e que non é eficaz nin económica nin ambientalmente falando levalo a queimar a Sogama. Cochón tamén falará dos beneficios da compostaxe, indicará como se debe instalar o composteiro individual (COIN) na finca, os materiais compostables e os que non se deben botar no COIN , así como a importancia de aportar estruturante cando se depositan restos orgánicos.

Seguimento técnico
É preciso lembrar que durante os primeiros doce meses nos que a veciñanza comece a compostar os seus residuos orgánicos nos COIN do Plan Revitaliza, as persoas usuarias van dispor de asesoramento e seguimento directo, xa que recibirán unha media de tres visitas domiciliarias das técnicas de Amigos da Terra. Nestas visitas o persoal comprobará que o proceso se fai correctamente medindo todos os parámetros, e resolverá dúbidas. Tamén estará a disposición da cidadanía o persoal técnico da Deputación.