Mondariz, Mondariz Balneario e Covelo esixen unha “solución inmediata” para o servizo de pediatría

A sociedade de Mondariz, Mondariz Balneario e Covelo, de xeito unánime e sen fisuras, vén de anunciar a súa intención de mobilizarse para que a administración sanitaria poña fin, dunha vez por todas e “de xeito inmediato”, á falta de prestación do servizo de pediatría que afecta, de forma seria e grave ás familias dos tres concellos.

É unha mobilización total, no máis amplo sentido da palabra, como así o deixa ben claro a constitución dunha «Plataforma en defensa polo pediatra en Mondariz, Mondariz Balneario e Covelo» na que están representadas as asociacións veciñais, comunidades de montes, ANPAS, asociacións de comerciantes e grupos políticos dos tres concellos.

Non se trata, polo tanto, dunha postura individual adoptada por gobernos locais ou por determinados colectivos e asociacións. É a postura de Corporacións Municipais, no máis amplo sentido da palabra, e do conxunto da sociedade.

É un xeito de dicir «basta xa» logo de que esta situación prodúzase cada vez con máis frecuencia ben sexa por baixas dos e das facultativas que non teñen substitución ou, como neste caso, en tanto non se resolva o concurso de traslado da actual pediatra nun proceso que, dada a velocidade á que funcionan os trámites administrativos, ninguén sabe canto vai durar.

Como primeira medida, a Plataforma —constituída o pasado 24 de novembro—, convoca unha concentración para o venres 30 de novembro ás 11:30 horas diante do Centro de Saúde de Mondariz para manifestar o seu rexeitamento á situación pola que están a atravesar as familias dos tres concellos.

Mentres, mañá mércores 17 de novembro, os alcaldes dos tres concellos manterán unha reunión co conselleiro Vázquez Almuíña, unha reunión solicitada de xeito reiterado hai xa tempo e que agora, logo da constitución da Plataforma e a convocatoria de concentracións, terá lugar.

O certo é que, segundo sinalaron a este medio fontes dos concellos, “non se conformarán con boas palabras ou declaracións de intencións”. Os veciños e veciñas, as familias e a sociedade precisan de respostas concretas e sen ambigüidades e solucións inmediatas.

A solución é, a todas luces, insostible. As familias «máis afortunadas», as que viven no centro urbano de Mondariz ou as de Mondariz Balneario, teñen o pediatra máis próximo a 13 quilómetros, no Centro de Saúde de Ponteareas. Son, en todo caso, as menos. O resto das parroquias de Mondariz terán, como pouco 20 quilómetros de percorrido e bastantes máis as de Covelo.

A esta situación, absolutamente esperpéntica, engádese unha desatención do servizo público de transporte, tamén «reformado» pola Xunta de Galicia, e que deixa case que illados aos municipios do rural.

Así as cousas, ás familias só lle quedan dous opcións, ou o uso de vehículo privado ou taxi alternativas, ámbalas dúas, que deixan desamparadas ás familias con menos recursos ás que, é de supoñer, a Administración tería que prestar máis apoio é recursos.

O dito. Toda paciencia ten un límite e partidos políticos e sociedade en xeral de Mondariz, Mondariz Balneario e Covelo consideran, non sen razón, que dito límite está excedido con creces.

Non deixa de ser paradoxal que a administración galega gaste unha chea de cartos animando aos galegos e galegas a «ruralizarse» mentres deixa a ese mesmo rural, polo que aseguran preocuparse, sen os servizos básicos imprescindibles como son a sanidade, o ensino ou o transporte. Non hai cidadás e cidadáns de primeira e de segunda ou, cando menos, non debería habelos. Non mentres uns e outros paguen os mesmos impostos, réxanse polas mesmas leis e teñan os mesmos dereitos constitucionais.