AporM acusa ao goberno de Mondariz de "falta de transparencia"

Xoán Carlos Montes Bugarín, portavoz de Alternativa por Mondariz Xoán Carlos Montes Bugarín, portavoz de Alternativa por Mondariz

Alternativa por Mondariz, a forza máis votada nas pasadas eleccións municipais e que quedou fóra do Goberno "por unha non explicada aínda manobra política pola que o PP lle deu á alcaldía ao BNG", considera que a cidadanía “ten dereito a coñecer o contido do pacto entre os nacionalistas e o PSOE, a que compromisos chegaron ámbalas dúas forzas política"s e de que xeito, estes compromisos, “van repercutir na xestión do Concello e, polo tanto, na vida dos veciños e veciñas do municipio”.

“É triste que a teima que durante o pasado mandato tiñan, tanto BNG como PSOE, coa transparencia, só lles durara unhas semanas. Débenlle á veciñanza unha explicación do seu pacto de goberno” sinala o portavoz de AporM, Xoán Carlos Montes Bugarín.

Aqueles que durante catro anos aseguraban que “a obriga dunha oposición é a de fiscalizar e controlar as accións do Goberno como salvagarda dos intereses da veciñanza”, cambian de discurso “e non consideran, agora que están no goberno, que a oposición teña a lexitimidade para realizar esa labor de control e fiscalización da que tanto alardeaban”.

Para AporM “estamos fronte a un caso claro de dobre moral e de predicar cousas distintas segundo se estea na oposición ou no Goberno. En AporM, por contra, “sempre tivemos unha soa maneira de actuar, fomos coherentes tanto na oposición coma no goberno. Este novo goberno, xa demostrou ser o goberno das contradicións, e lamentablemente seguirao sendo”, conclúe o edil de Alternativa por Mondariz.