Mondariz premia a conservación e rehabilitación da súa arquitectura tradicional

A Casa de Pilar Salgueiro, na rúa Ramón y Cajal, foi merecedora do Premio á Conservación A Casa de Pilar Salgueiro, na rúa Ramón y Cajal, foi merecedora do Premio á Conservación

O Concello de Mondariz entregou, o venres día 26, os galardóns correspondentes á primeira edición do Premio Mondariz á Conservación e Rehabilitación Arquitectónica, unha iniciativa coa que o concello mondaricense busca a protección e posta en valor do seu patrimonio arquitectónico. O proxecto Cantaruxa Maruxa de Vilasobroso, na modalidade de Rehabilitación, e unha casa do barrio de Outerelo (Lougares) na modalidade de Conservación, foron as galardonadas neste primeiro certame.

O primeiro premio recaeu sobre o proxecto da Cantaruxa Maruxa (Vilasobroso), propiedade de Raquel Quesado, unha casa de turismo rural na que se valorou a rehabilitación e rehabitación da casa orixinal construída no ano 1925, respectando a tipoloxía, os materiais e os volumes primixenios, procurando a reorganización dos espazos sobre a base das novas necesidades.

Compartiu o mesmo galardón unha casa rehabilitada no barrio da Pena (Vilasobroso), propiedade de José A. Castro na que se valorou especialmente a conservación das antigas cortes do gando así como dos restos da edificación vivideira tradicional e a convivencia harmónica coas novas dependencias.

Na modalidade de conservación a CCMM de Mouriscados recibiu unha mención pola rehabilitación dos muíños do río Xabriña; a segunda mención foi para unha Casa situada no barrio de Outerelo (Lougares), unha casa propiedade de Olga Candeira levantada no ano 1912, na que se valorou o coidado e o respecto que os propietarios lle deron a toda a edificación tradicional.

O premio á Conservación foi concedido a unha casa da rúa Ramón y Cajal construída en 1875 propiedade de Pilar Salgueiro, na que o xurado valorou o excepcional coidado e respecto a toda a edificación orixinal, a organización e conservación da distribución interior, das carpinterías interiores e exteriores, así como das súas fachadas.

O alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes, que pechou o acto, asegurou que “o futuro de Mondariz pasa por reencontrarse co seu pasado, conservando a valiosa arquitectura tradicional que levantaron os nosos antepasados”. O acto estivo amenizado pola arpista Beatriz Martínez e contou coa asistencia de todos os arquitectos e construtores da localidade.

Coa finalidade de divulgar a cultura da conservación e recuperación do patrimonio cultural, os traballos premiados están xa expostos na Praza Blanco Lage, onde permanecerán durante as próximas dúas semanas a fin de que poidan ser coñecidos en detalle pola veciñanza e polos turistas que nos visitan.

Un concello pioneiro en Galicia
Mondariz é o primeiro concello de Galicia en crear un premio destas características, xa que en Galicia non existe ningún outro galardón semellante outorgado por un municipio. A propiedade das casas premiadas recibirá agora unha bonificación do 50% no importe do ICIO (Imposto de Construcións, Instalacións e Obras) ou do IBI (Imposto de Bens Inmobles) segundo se trate do premio na modalidade de rehabilitación ou de conservación.