Rocío Garrido Caramés presenta en Mondariz ‘Mel nas Filloas’

A praza de abastos de Mondariz acollerá o vindeiro domingo, ás 12 horas, o acto de presentación do libro de Rocío Garrido Caramés ‘Mel nas Filloas’ nunha iniciativa de Froitos e Verduras ‘Lourdes’ e a editorial Galaxia.

No acto participarán Rocío Garrido e Francisco Castro, de editorial Galaxia, que presentarán este novo traballo da reposteira galega que amosa todos os segredos dos biscoitos, doces e sobremesas de Galicia, tal e como se sinala na portada do libro.

Rocío Garrido, que estudou Informática de Xestión, decidiu no seu momento e por fortuna para todos os amantes da cociña tradicional, cambiar os teclados dos ordenadores polos fogóns. Dende o 2012 dedicase de cheo a hostalería e nese mesmo ano gañaba o premio Gourmand ao mellor libro de cociña sostible con ‘Cociñando coas razas autóctonas’. Amais, Rocío é responsable do coñecido blog de cociña galega ‘A cociña do meu avó’.