Mondariz será pioneiro na aplicación da compostaxe como sistema de xestión do lixo

O Concello de Mondariz será un dos primeiros de Galiza en aplicar a compostaxe como sistema de xestión do lixo. O vicepresidente Mosquera confirmou hoxe que a Deputación vén de concederlle unha subvención ao abeiro do «Plan Revitaliza» que permitirá ao goberno local contar cun Plan de Residuos específico para o municipio e unha axuda económica de 306.030,10 euros, o que supón o 89,56% do orzamento solicitado para adquirir composteiros individuais, colectivos e materiais complementarios.

Segundo os datos dos técnicos provinciais, preténdese atender a unha poboación de 3.282 habitantes mediante composteiros individuais (COIN) e a outros 1.460 veciños e veciñas mediante centros de compostaxe comunitaria (CCC). Non será preciso realizar ningún traslado de materia orgánica a unha planta industrializada.

Para completar o salto total á compostaxe, o concello de Mondariz solicitou á Deputación 1.200 COIN e accesorios complementarios, 20 COIN de gran capacidade, 84 unidades modulares de compostaxe e as súas ferramentas así como fondos para executar as obras civís das plataformas e o acondicionamento do contorno dos CCC, xunto con dúas minitrituradoras e seis micro trituradoras, un vehículo tipo camioneta e unha trituradoras, así como fondos para a creación un punto verde e dunha campaña de difusión.

A cambio da subvención recibida, apuntou Mosquera, Mondariz terá como obriga retirar os colectores da chamada «fracción resto» ─aos que se pode botar todo tipo de lixo─ con data límite de decembro de 2018. Nese momento deberá haber unha división do lixo diferenciada entre orgánicos ─nos composteiros─; metais, plásticos e envases; papel e vidro nos seus correspondentes recipientes. “Dar ese paso de xeito radical e audaz será a clave e determinará que este novo sistema de tratamento de lixo funcione economicamente”, explicou o asesor Carlos Pérez, ao tempo en que insistiu en que manter o actual sistema de tratamento xunto coa compostaxe non é viable.

O vicepresidente explicou que o Plan Revitaliza pretende estender de xeito ambicioso a compostaxe para que os concellos cumpran a normativa estatal e europea que obriga a preparar para a reciclaxe máis do 50% dos residuos da bolsa do lixo antes de 2020. Segundo dixo o nacionalista, o goberno provincial apostou por tratar a parte orgánica, que supón o 53% dos residuos municipais, e puxo en marcha diversas accións: “A día de hoxe estamos nun punto ao que sempre tiven esperanza de chegar, pero tiven as miñas dúbidas incluso polos ritmos e capacidade –dixo-. Con todos estes concellos implicados sabemos que imos aplicar masivamente a compostaxe na provincia e que imos estar por riba do obxectivo que nos marcamos de pasar a cuarta parte da poboación a este sistema a finais de mandato”.