Ponteareas ampliará a zona azul que inclue un tramo horario pola tarde

A Concellería de Seguridade Cidadá do Concello de Ponteareas, que dirixe a socialista Vanesa Fernández, procederá nestes vindeiros días á adxudicación servizo de zona azul que, amais de ampliar as zonas de estacionamento por tempo limitado, incluirá un horario de tarde ata o de agora inexistente. A nova empresa concesionaria colocará un parquímetro máis na confluencia das rúas Vidales Tomé e Ciclista Emilio Rodríguez ampliando o número de aparcamentos en zona azul en canto se modifique a ordenanza.

Segundo sinala a Concellería de Tráfico, os cinco parquímetros xa existentes manteránse na mesma ubicación, é dicir, Praza de Bugallal, rúa Reveriano Soutullo, Praza da Música, Praza Arxentina e rúa Perillana. En todo caso, a zona azul de Ponteareas seguirá sendo de balde e utilizando o sistema seguido ata o momento. O usuario ou usuaria terá que ir ao expendedor de tickets, introducir a matrícula e retirar o correspondente ticket no que figura á hora límite do estacionamento e que terá que colocarse en lugar ben visible.

Amais, para asegurar a rotación e bo funcionamento da zona azul no ticket incorpórase o número do expendedor que identifica cada parquímetro.

Como novidade na modificación da ordenanza tamén se engade un tramo horario pola tarde para que tamén se produza a desexada rotación que, en principio, ten como obxectivo facilitar a fluidez de estacionamento e, polo tanto e en teoría, axudar ao comercio local. Nos vindeiros días procederase á adxudicación definitiva para que o servizo de zona Azul comece a funcionar do xeito máis óptimo.

A zona azul. explica o Concello de Ponteareas, ten como obxectivo "dinamizar as zonas de aparcamento" e que toda a veciñanza teña a oportunidade de achegarse ao centro urbano para realizar as súas compras e xestións. Os parquímetros diferenciarán os tramos de luns a venres dos de fin de semana e marcarán como horarios de funcionamento da zona azul entre semana de 08:00 a 14:00 horas e algún horario de tarde aínda por determinar. Unha vez concluído o tempo máximo de utilización, o vehículo deberá abandonar o estacionamento e non poderá volver estacionar durante o horario establecido para limitación de estacionamento durante esa xornada.

Para a concelleira de Seguridade Cidadá a zona azul "garante máis axilidade e maior oportunidade de aparcamento quedando as zonas de aparcamento municipal, que se atopan no perímetro do centro a unha distancia inferior a cinco minutos andando, para aqueles vehículos que precisen estar estacionados un longo prazo de tempo".