Todo preparado para unha nova edición da «Feira do Libro a Ponteareas»

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e a coordinadora xeral da Federación de Libreiros de Galicia, Nani Regueira, presentaron a nova edición da Feira do Libro de Ponteareas, nun acto no que estiveron acompañados pola concelleira de Cultura, Hortensia Bautista e o escritor e xornalista, Manrique Fernández. A Feira do Libro de Ponteareas ofrece unha programación de catro días dedicados, non só ao fomento da lectura, senón tamén á promoción dos libreiros e dos escritores tanto nóveles como consagrados.

Dende ese punto de vista, a Feira do Libro de Ponteareas é un escaparate variado e amplo no que a programación recolle actividades para toda a familia e premios, sorteos e agasallos para todos os que se acheguen a gozar do mundo máxico que agocha o papel.

A Feira abrirá as súas portas o xoves día 26de xullo, ás 18:00 horas na Praza Maior e ás 20 horas terá lugar o acto de lectura do pregón que correrá a cargo da escritora Isabel Blanco á que seguirá a actuación de Miguel Alonso.

De 12 h a 14 horas e de 18 h a 22 horas, agás o sábado que abre unha hora antes, a Feira desenvolverá unha intensa actividade con actividaes para nenos e nenas da man de Aladino e a lámpada máxica; sinaturas de libros como a que fará Finy Sesmonde; presentacións de libros, como é o caso do de Iago López co seu O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas ou a de Kiko da Silva que sae do seu garaxe hermético para presentar O picoto do pai, unha novela gráfica creada polo alumnado do seu taller...

Ata Ponteareas tamén se achegarán para asinar e presentar as súas obras J. M. Ledo, Marta Dacosta, Luz Beloso, D'Angelo, Ramón Nicolás, Roi Vidal e Manoel da Costa Pardo, entre outros escritores.

Actuacións musicais e visitas guiadas polo roteiro guiado por «Seraogna, a terra de Pexegueiro», completan o programa de actividades.

Para a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, a Feira do Libro "é unha oportunidade para dar a coñecer autores locais e tamén apoidar a promoción das obras dos autores do resto de Galicia". Bautista adianta que en Ponteareas "estarán presentes tres librerías locais e tres librerias que se achegan do resto da xeografía galega que completan unha programación interactiva na que se busca a implicación dos asistentes".

Pola súa banda, Nani Regueira, da Federación de Libreiros subliñaba o "éxito" da cita do pasado ano en Ponteareas e agardaba que "este ano se superen as cifras de participación da pasada edición que superou todas as expectativas tendo unha moi boa acollida".

Finalmente, o alcalde Xosé Represas, quería convidar "a toda a veciñanza da Área Metropolitana» a gozar de cada unha das actividades "e a descubrir a diversión e o entretemento da man dos libros, da lectura, da creación literaria, da música como relatora de historias e dun sinfín de experiencias vinculadas ás verbas".